Escolares de Monfero e Brión gañan o concurso Aprendo Programando do CPETIG

luns, 25 de xuño do 2018 Redacción

Xa temos os gañadores da terceira edición do concurso escolar Aprendo Programando, organizado polo Colexio de Enxeñaría Técnica Informática de Galicia (CPETIG) co obxectivo de integrar desde os primeiros niveis do sistema educativo o crecente uso das novas tecnoloxías. O certame, desenvolvido coa colaboración da Federación Galega de Baloncesto e Alvarellos Editora, recoñeceu finalmente o importante labor dos escolares do CPI Plurilingüe Virxe da Cela de Monfero (A Coruña) e do IES de Brión (A Coruña). De feito, dous equipos destes centros resultaron gañadores, nas categorías de Primaria e de ESO, respectivamente. Os segundos premios en cada categoría foron para equipos do CEP Sequelo de Marín (Pontevedra) e do IES Ribeira do Louro de Porriño (Pontevedra).
A entrega de premios, celebrada este sábado en Santiago, estivo presidida por Juan Luis Miguéns, secretario CPETIG, e Henrique Alvarellos, director de Alvarellos Editora. En total, concorreron a esta edición do certame 72 equipos de Primaria e de ESO, que presentaron proxectos programados con Scratch, centrados na temática Patrimonio cultural europeo.
Na categoría de Primaria, o primeiro premio foi para o proxecto Viaxando por Europa do centro CPI Plurilingüe Virxe da Cela, realizado baixo a supervisión da profesora Camino Pereiro. E o segundo premio para A Catedral do CEP Sequelo, supervisado polo profesor José Antonio Pazos.
Na categoría de Secundaria, o primeiro premio foi para O entroido en Europa do IES de Brión, baixo a supervisión de Aída Fraiz. E o segundo premio para o proxecto Patrimonio Europeo do IES Ribeira do Louro, supervisado por Raquel Santaolalla.
Os premios consisten nun mBot, robot educativo; tabletas; exemplares do libro 50 anos de Baloncesto en Galicia, editado pola Federación Galega de Baloncesto; e un lote de libros de literatura infantil e xuvenil, editados por Alvarellos.
Como dixemos, Aprendo Programando ten como obxectivo “achegar a programación e integrar desde os primeiros niveis do sistema educativo a crecente utilización das novas tecnoloxías, como unha oportunidade para o alumnado de adquirir habilidades mentais, ligadas ao pensamento computacional, mediante a aprendizaxe da programación”, segundo informa o CPETIG.
As tres edicións celebradas confirman un interese cada vez máis grande pola iniciativa, considerada “un estímulo” tanto para o profesorado coma para o alumnado, que acada retos de superación a nivel persoal e colectivo.

PUBLICIDADE