Facebook estrea aplicación para países con conexións móbiles precarias
luns, 26 de xaneiro do 2015
Cada vez son máis os usuarios que ten Facebook a nivel
mundial, especialmente dende dispositivos móbiles, pero non sempre os usuarios contan
con smartphones potentes e conexións móbiles de banda larga, senón que teñen
que enfrontarse aos atrancos que supón acceder á Rede a través de lentas redes
2G, o que levou ao lanzamento dun novo cliente para Android desta plataforma
social: Facebook
Lite.
Esta nova aplicación persegue empregar un menor consumo de datos, para o que
fai un uso máis eficiente das conexións, axilizando as cargas. E para reducir os
recursos que consume esta ferramenta tamén contiveron o seu tamaño en menos de
1 Mbyte, o que axiliza enormemente a súa instalación.
Facebook Lite permite intercambiar mensaxes con amigos, participar en conversas
de grupo, recibir notificacións cando os amigos gustan ou comentan algunha das
nosas publicacións, ver as actualizacións dos amigos e compartir actualizacións
e fotografías, ou sexa, un uso de Facebook moi básico e rudimentario, o que
permite que poidamos facer uso desta plataforma cando a nosa experiencia de
Internet móbil sexa bastante precaria. Esta
ferramenta vai dirixida principalmente a países pouco desenvolvidos de Asia e África.
