Facebook ten máis de mil millóns de usuarios activos a diario

xoves, 5 de novembro do 2015 Marcus Fernández

Os resultados económicos de Facebook para o terceiro trimestre do ano están a ser bastante positivos, pero o máis interesante da súa presentación é que a compañía de Mark Zuckerberg deu máis detalles sobre o estado actual das súas plataformas sociais, demostrando a súa boa saúde e o magnífico crecemento en ámbitos nos que tiña certas eivas como o móbil.
Que Facebook teña xa 1.550 millóns de usuarios activos cada mes podería non sorprender moito, aínda que o feito de que xa haxa máis de mil millóns de usuarios de Facebook activos cada día demostra que esta plataforma xa forma parte da nosa identidade en liña, cando menos nos países nos que Facebook é a plataforma social predominante, pero dentro desta plataforma hai un detalle que podería pillar a moitos por sorpresa, como é o feito de que actualmente xa se vexan máis de 8.000 millóns de vídeos ao día, confirmando que Facebook é o principal competidor de YouTube.
No contorno móbil Facebook tamén está a demostrar a súa fortaleza, pois non só as aplicacións que adquiriu nos últimos anos (WhatsApp e Instagram) continúan a ter un impresionante volume de usuarios activos cada mes (900 e 400 millóns respectivamente) senón que a segregación do Messenger de Facebook no móbil demostra ser todo un acerto, chegando aos 700 millóns de usuarios activos.
Pero de cara ao futuro tamén están a explorar novas tecnoloxías, como a realidade virtual, e durante a presentación de resultados insinuaron que o lanzamento de Oculus Rift está lonxe de ser inminente, de xeito que en vez de chegar a primeiros de 2016 como se suxerira hai meses, a súa chegada podería adiarse até finais de ano.

Facebook pode presumir do seu dominio nas plataformas sociais que empregamos en ordenadores e móbiles

PUBLICIDADE