Feijoo anuncia a posta en marcha do último eixo do Plan de Banda Larga da Xunta

luns, 20 de febreiro do 2012 Raquel Noya

Logo da recente aprobación no Consello da Xunta do primeiro anteproxecto de Lei de Telecomunicacións que fixo o Goberno galego en 30 anos, o presidente do Executivo, Alberto Núñez Feijóo, achegouse esta mañá ata as instalacións do operador galego Retegal en San Marcos, do que dixo “terse convertido nunha pata fundamental no ámbito das TIC” e nun “operador clave para o desenvolvemento do Plan de Banda Larga da Xunta” entre outros fitos.
Este Plan, que foi o eixo principal da intervención do Presidente en Retegal, xa permitiu que 9 de cada 10 galegos teñan pleno acceso a Internet na nosa Comunidade, e que a fenda dixital se reducise en máis dun 70% no total do territorio galego.
Ao longo da súa intervención, Feijóo reiterou o compromiso de que este 2012 se poñan en marcha tódalas liñas de traballo establecidas no Plan de Banda Larga, que permitirán cumprir o 100% dos obxectivos marcados hai 2 anos. O primeiro obxectivo, apuntou Feijoo, “é que o 100% dos galegos teñan acceso a Banda Larga” (hoxe estamos no 90%) e o segundo é que “o 100% dos polígonos industriais teñan acceso de calidade”; neste senso, o Presidente indicou que “ actualmente, o 70% dos polígonos teñen acceso a esta calidade en banda larga”.

O presidente da Xunta, durante a súa visita ás instalacións de Retegal

O titular da Xunta destacou como terceiro obxectivo “que todos os puntos de demanda de servizos públicos teñan cobertura de calidade”, e matizou que o 94% dos centros de saúde, xulgados e farmacias do país xa o poden asegurar.
O cuarto obxectivo que tenta acadar Núñez Feijoo coa última fase do Plan de Banda Larga é que “máis de 1,2 millóns de galegos teñan Rede de última xeración” (unha cifra que pasará do 60 actual ao 100% requirido, este ano).
O quinto e último obxectivo marcado por Feijoo na súa intervención de hoxe é “eliminar o desequilibrio territorial”, obxectivo logrado xa en máis dun 70% do territorio.
En base a isto, o Presidente da Xunta puido afirmar que se están a cumprir os obxectivos en prazo e en forma, e neste senso indicou que “a día de hoxe, xa están en marcha 5 das 6 actuacións que recolle o Plan e neste ano 2012, imos impulsar o sexto eixo, que nos permitirá poder cubrir a través de tecnoloxía satélite o 6% da poboación galega á que non podemos chegar con outro tipo de despregamentos”.
É aí onde entra en xogo o traballo de Retegal, cuxa tecnoloxía cualificou como “piar clave para superar o illamento xeográfico” ao que estamos sometidos.
Neste senso, Feijoo tamén afirmou que se ben Galicia chegou tarde ás vías de comunicación viarias e ferroviarias, “non quere chegar tarde ás vías de comunicacións dixitais”.


Declaracións do presidente da Xunta na visita Retegal

PUBLICIDADE