Fernando Pérez, membro do prestixioso grupo internacional dos IEEE Fellow
venres, 15 de xaneiro do 2016
Fernando Pérez,
catedrático de Teoría do Sinal e das Comunicacións da UVigo, vén
de entrar a formar parte do grupo dos IEEE Fellow, en palabras da
institución educativa galega “unha distinción só reservada para
os integrantes máis destacados do Institute
of Electrical and Electronics Engineers”, o IEEE, por ser
precisamente “a máis alta honra que pode acadar un membro deste
instituto”. O recoñecemento é en boa medida un xeito de salientar
as máis de dúas décadas de Pérez adicadas á investigación en
telecomunicacións, máis polo miúdo nas áreas de comunicacións
dixitais e seguridade multimedia.
O catedrático da
UVigo, que tamén foi no seu día director xeral do Centro
Tecnolóxico Gradiant, sinalou que o devandito recoñecemento “non
é só á miña traxectoria como investigador, senón un respaldo a
un xeito de facer as cousas e o mérito de todo un equipo de
investigadores que traballan de xeito rigoroso e tenaz”.
Segundo informa a
Universidade de Vigo, arestora hai 9.500 Fellows en todo o
mundo. Uns 300 deles integran a promoción de 2016, na que ademais do
catedrático da Universidade de Vigo, tamén figura Pablo Rodríguez,
director de Investigación e Innovación e responsábel do Barcelona
R&D lab de Telefónica Dixital.
O Institute of Electrical and
Electronics Engineers, formado por máis de 420.000 membros de 160
países, é a asociación internacional de referencia para o
desenvolvemento e estandarización en áreas técnicas e dela forman
parte profesionais de novas tecnoloxías, como enxeñeiros
eléctricos, en electrónica e computación, matemáticos aplicados,
enxeñeiros en biomedicina, enxeñeiros de telecomunicación ou
enxeñeiros en mecatrónica. O IEEE publica o 30% das revistas
científicas nos campos da enxeñaría eléctrica e das TIC e
desenvolveu máis de 900 estándares internacionais, incluído o
Wi-Fi.