Ferrol convértese nun laboratorio aberto á cidadanía coa chegada da G-Night 2025

luns, 22 de setembro do 2025 S. P.

Este venres 26 de setembro, Ferrol volverá ser unha das sedes da G-Night 2025: a Noite Europea das Persoas Investigadoras. A edición deste ano celebra o quinto aniversario do proxecto galego, asociado ás Marie Sklodowska-Curie Actions da Unión Europea, para impulsar a divulgación científica na nosa comunidade. O Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI), o Campus Industrial da UDC e o Centro Cívico de Canido ofrecerán unha ampla programación para “que colexios, institutos e familias se acheguen á investigación e gocen dunha experiencia divertida e accesible”.
Obradoiros e actividades en Ferrol
No CITENI do Campus Industrial, máis de 50 persoas entre persoal investigador e de apoio coordinan unha intensa xornada de ciencia. A xornada de mañá está pensada para centros educativos de Primaria, Secundaria e FP, cun sistema de reserva previa para deseñar unha ruta de obradoiros adaptada a cada grupo.
A xornada de tarde, destinada ao público familiar, ofrece 8 obradoiros con 460 prazas dispoñibles e unha variada selección de actividades para aprender e experimentar de forma práctica, desde a enxeñaría mecánica e a física nuclear ata a robótica e as enerxías do futuro.
Entre as propostas máis destacadas están sesións que poñen o foco nos polímeros 3D, no deseño de barcos a escala, na mecánica dos fluídos na cociña, nos plásticos con capacidade para desaparecer, na enxeñaría mecánica (prototipos ciberfísicos de motores e sensores para captar movementos humanos), nas matemáticas, na robótica intelixente (con robots autónomos e demostracións de IA, en colaboración co Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións, o CITIC), na enerxía azul (xogando a crear o mar do futuro, construción de turbinas eólicas con material LEGO e deseño de parques mariños) ou en como visualizar a radiación nuclear e máis a supercondutividade (partículas alfa e levitación magnética de supercondutores).
Tamén haberá charlas que complementarán os obradoiros prácticos e terán lugar pola tarde na Sala de Audiovisuais da Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI). Cada sesión ofrecerá exemplos e explicacións sinxelas sobre tres investigacións do CITENI vinculadas ao sector enerxético: como conseguir placas solares máis sostibles, en que consiste a enerxía do mar e que tipo de novos combustibles existen.
Cada charla terá dúas sesións de 20 minutos, cunha capacidade de 100 persoas por sesión.
O Centro Cívico de Canido tamén será sede de tres obradoiros abertos a todas as persoas interesadas, co obxectivo de facer comprensibles temas como a mercadotecnia territorial, a economía do día a día e o papel dos medios dixitais nas eleccións, con exemplos prácticos e dinámicos para participantes de todas as idades.
Os tentáculos do CITENI esténdense tamén á cidade herculina, onde un grupo de investigación impartirá unha actividade sobre ROV, simuladores e outras tecnoloxías mariñas na ETS de Náutica e Máquinas, permitindo así que a ciencia e a tecnoloxía do Campus Industrial de Ferrol se viva tamén fóra da cidade departamental.