Filtran 1,67 TB de información de Insomiac Games
martes, 19 de decembro do 2023
Nos
últimos días sóubose que Insomniac Games, estudio responsable dos xogos da saga
Marvel’s Spider-Man, viña de padecer un ataque informático do grupo de ransonware
Rhysida a través do que roubaron información interna da compañía para pedir un
rescate pola mesma, e vese que rexeitaron someterse á extorsión e, en
consecuencia, os atacantes decidiron filtrar
á Internet 1,67 TB con máis de 13 millóns de ficheiros entre os que se encontra
un dos seus títulos en desenvolvemento: o videoxogo Marvel’s Wolverine.
A filtración de datos inclúe moita información de Wolverine, como
deseños de niveis e de personaxes, ficheiros de Marvel’s Spider-Man 2,
documentos internos de Insomniac Games (como documentos de identificación dos
seus traballadores), e incluso documentación sobre o acordo de publicación
entre Marvel e Sony Internactive Entertainment que iría ata 2033, e incluiría
varias entregas máis de Marvel’s Spider-Man e detallaría que Marvel’s
Wolverine sería o primeiro dos 3 xogos relacionados cos X-Men que pasarían
a ser desenvolvidos por Insomniac. O acordo indica que Sony pretendería
investir un mínimo de 120 millóns de dólares en cada título, deixando claro que
están a coidar unha propiedade intelectual que demostrou ser moi rendible tanto
no mercado audiovisual como no dos videoxogos.
Entre as filtracións están a verse vídeos de prototipos de Marvel’s Wolverine,
que semella bastante avanzado se temos en conta que non está prevista a súa
comercialización ata 2026.
Cómpre salientar que o material filtrado corresponde ao 98% do subtraído,
mentres que o 2% restante, que entendemos que é o que inclúe información
realmente valiosa (como datos persoais), vendeuse ao mellor ofertante.
