Filtran á Rede o vindeiro episodio de Game of Thrones

venres, 4 de agosto do 2017 Marcus Fernández

A copia filtrada do vindeiro episodio da serie de HBO presenta unha calidade de imaxe semellante á do HBO e con sobreimpresións en pantalla que fan que a súa visualización sexa pouco aconsellable

Pese a que as informacións que daban sobre a enorme filtración que está a padecer a HBO, e que promete continuar nos vindeiros días, apuntaban a que os contidos relativos ao vindeiro episodio de Game of Thrones limitábanse ao seu guión (do que circula un borrador dende hai varios días) finalmente apareceu na Rede unha copia do episodio completo, que pese a ter unha calidade bastante baixa, é dabondo como para animar aos entusiastas a ver o capítulo de xeito anticipado, o que podería estragar varias sorpresas aos seareiros da serie que prefiran esperar ao vindeiro luns para ver esta nova entrega da ficción de George R. R. Martin como corresponde.
A copia en circulación correspondería a un vídeo para uso interno (como reza unha sobreimpresión de texto na súa parte superior esquerda) e incluso presenta en pantalla unha liña de tempo, pero o que resulta especialmente lamentable é que o vídeo está nunha resolución de 640 x 360 píxeles cunha compresión moi forte (de feito, o ficheiro só pesa 291 MB) de xeito que carece de nitidez e estaría incluso bastante por debaixo do que se entende como SD, no que podemos considerar unha calidade próxima ao VHS, de aí que é máis que recomendable desaconsellar o seu visonado a tan poucos días da súa estrea en alta definición.
En calquera caso recomendamos que os seareiros de Game of Thrones procuren evitar ler información sobre a serie durante a fin de semana se queren evitar os temidos spoilers que sen dúbida circularán masivamente polas redes sociais como consecuencia da impaciencia duns poucos.

ACTUALIZACIÓN: Pese ao que podería parecer inicialmente, a filtración do episodio de Game of Thrones non sería produto do roubo de 1,5 TB de datos da HBO, senón que a orixe sería outra: a distribuidora Star India. A compañía recoñeceu ser a fonte da filtración e ter tomado medidas para evitar que se repita, pero o sucedido é moi preocupante para a HBO, pois podería supor que se repitan as filtracións dos vindeiros episodios da serie.

PUBLICIDADE