Filtran episodios da serie Curb Your Enthusiasm da HBO

luns, 14 de agosto do 2017 Marcus Fernández

A polémica tras a intrusión aos sistemas da HBO non cesa, o que incluso está a resultar especialmente molesto para a compañía por verse obrigada a saír á palestra cada vez que se produce unha filtración de contidos, como durante a xornada do domingo, na que apareceron na Rede numerosos episodios inéditos de Curb Your Enthusiasm e doutras series, que non tiñan pensado ver a luz até o mes de outubro.
Dende a HBO chegan a asegurar que «non imos comentar cada vez que soltan un novo anaco de información», pois consideran que xa deron todas as aclaracións necesarias pola súa banda ao recoñecer a intrusión nos seus sistemas e insistir en que non están en negociacións cos delincuentes responsables das filtracións.

4 detidos na India

Pero aínda que non haxa avances significativos na investigación sobre a intrusión na compañía norteamericana, non que se refire á filtración do episodio 4 da actual tempada de Game of Thrones, si hai novidades, pois veñen de arrestar a 4 persoas na India ás que responsabilizan da publicación do capítulo da serie de moda antes da súa emisión.
Os sospeitosos estarán en arresto até o 21 de agosto mentres se investigan os feitos, que non terían nada que ver coa grande filtración da HBO, pois neste caso sería unha compañía de Mumbai, encargada de almacenar e procesar os episodios de televisión para a súa explotación local, a afectada polo roubo de contidos audiovisuais.

PUBLICIDADE