Forte caída de prezo da PlayStation Classic

mércores, 26 de decembro do 2018 Marcus Fernández

En plena febre polas consolas mini de Nintendo, outras compañías quixeron aproveitar o efecto nostálxico, con grandes fracasos como a versión reducida do Commodore 64 (que non só pasou desapercibida, senón que recibiu moi malas críticas) e a PlayStation Classic, versión mini da primeira PlayStation doméstica, que pese a anunciarse con certa esperanza, ao desvelarse a súa listaxe de xogos integrados decepcionou a moitos (especialmente ao confirmarse que todos chegarían con voces e textos en inglés pese a que nalgúns casos contaban coa debida localización). Pero o peor chegou despois, cando os usuarios quixeron gozar desta consola retro e atoparon sorprendentemente que algún dos xogos incluídos coa consola tiñan un desempeño lamentable, sendo practicamente inxogables.
A decepción ao redor da PlayStation Classic é evidente cando visitamos calquera centro comercial, onde podemos atopar moitas unidades desta máquina, cando en anos anteriores resultaba case imposible atopar unidades das pequenas consolas de Nintendo, e tan mala é a situación que, sen esperar á chegada dos Reis Magos, xa están a rebaixar drasticamente a consola, e tanto en Amazon, como na cadea de tendas Game, na Fnac ou en El Corte Inglés podemos atopar a máquina por debaixo dos 60 euros.
Aínda non se produciron declaracións oficiais de Sony sobre esta grande rebaixa da súa máquina retro, aínda que é moi probable que non realicen ningún comunicado, xa que sería a constatación dun grande fracaso, por teren que rebaixar un produto nun 40% a pouco máis de 3 semanas do seu lanzamento.

PUBLICIDADE