Imaxe do Fotolog dunha moza viguesaO tempo tende a confirmar que as plataformas sociais dirixidas a un público mozo nacen con data de caducidade, e aínda que en numerosas ocasións conservan as marcas pero reformulan o seu negocio (como aconteceu con Tuenti ou MySpace), noutras ocasións procédese á desaparición total, o que parece ser o caso de Fotolog, servizo de grande éxito entre a mocidade durante a segunda metade da década pasada, que parece ter dito adeus para sempre e sen avisar. O servizo hai anos que pasou á completa irrelevancia e, de feito, a retirada das súas aplicacións oficiais de Google Play e a App Store pasou desapercibida, e agora que dende o 4 de xaneiro a súa páxina web non responde, o público reaccionou alertando da caída noutras plataformas sociais, senón que non sería ata onte, cando o asunto chegou aos medios, que se decataron de que unha plataforma de auténtica referencia pasou ao esquecemento. Imaxe dun dos distintos fotologs melidensesFotolog acumulou máis de 33,5 millóns de usuarios dende o seu nacemento en 2002, pero non conseguiu manter a tracción, especialmente pola emerxencia de plataformas móbiles como Instagram, e esta incapacidade de reacción fixo que no último lustro o servizo apenas contase con actividade por parte dos seus usuarios, que ante o peche por sorpresa reaccionan de dous xeitos: indignados por non recibir aviso para poder realizar unha copia dos contidos, como seria de esperar; ou aliviados ao saber que moitas das imaxes da súa adolescencia das que agora non se sente orgullosos desaparecen da Rede de vez. Esta última opción parece ser a maioritaria entre os usuarios de Twitter, servizo no que o peche de Fotolog chegou a Trending Topic. Polo momento non se ten ningunha información oficial sobre o peche de Fotolog, pero en vista do acontecido nos últimos días dá a impresión que estamos ante un cesamento definitivo do servizo que foi todo un referente, chegando a converterse no diario en liña de moitos novos (especialmente de países de fala hispana). ACTUALIZACIÓN: Tras bastantes días fóra de liña, Fotolog volver á Rede advertindo do borrado definitivo dos seus contidos a partires do 20 de febreiro, dando así tempo a que os usuarios podan recuperar as súas imaxes.