Gadis celebra o legado de Begoña Caamaño na súa web das Letras Galegas

venres, 8 de maio do 2026 S. P.

Gadis presentou as accións culturais que leva a cabo con motivo do Día das Letras Galegas no supermercado da rúa Barcelona de Vigo, cidade de orixe de Begoña Caamaño, a homenaxeada deste ano no 17 de maio. A campaña, indicou a empresa, será “un tributo á figura e á pegada da escritora e xornalista viguesa, ademais dun recoñecemento á cultura de todos os galegos e galegas”. Temos todos os detalles da iniciativa, que volve contar co apoio da Secretaría Xeral da Lingua, na web www.gadisletrasgalegas.gal.
A campaña inclúe a publicación de Lenzos, as letras en cor, un caderno baseado nos libros Morgana en Esmelle e Circe ou o pracer do azul, onde a xornalista e escritora recreou os mitos para darlles novas lecturas, máis abertas e contemporáneas.
O vindeiro sábado 16 de maio, a cadea de supermercados entregará de forma gratuíta, ata fin de existencias, 30.000 unidades de Lenzos, as letras en cor, ademais de 40.000 marcapáxinas e 40.000 bolsas de papel con deseños especiais conmemorativos desta celebración.
Na web www.gadisletrasgalegas.gal pódese descargar a versión dixital das diferentes láminas que compoñen o caderno coa chamada “Deixa voar a imaxinación e entra nun mundo onde as letras tamén se transforman en cores. Porque ás veces, cando un lenzo se enche de cor, a historia goza dunha nova vida”.
Homenaxe a Begoña Caamaño
Gadis fixo unha entrega simbólica deste material cultural a Beatriz e Carmen Caamaño, irmá e sobriña, respectivamente, de Begoña Caamaño, nun emotivo encontro no que se puxo en valor a figura da autora e xornalista viguesa que entendía a cultura como algo vivo, que se cuestiona e se reescribe.
“Quixemos estar hoxe en Vigo, cidade de orixe de Begoña, coa súa irmá Beatriz, como un recoñecemento a súa figura e obra. Entendemos a cultura galega como algo noso, no que todos os galegos e galegas temos cabida. Desde fai moitos anos, as nosas bolsas da compra enchen de cultura miles de fogares da nosa comunidade nestas datas”, explican desde a empresa 100% galega.
Na xuntanza participaron, por parte das institucións, María Coutinho, subdirectora xeral de Planificación e Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia, e Patricia Iglesias, concelleira delegada de Atención á Cidadanía do Concello de Vigo. En representación de GADISA Retail, Pablo Louro, delegado de área en Pontevedra, José Luis Fernández Astray, director de Comunicación, María Eimil, coordinadora de Comunicación, e Mª Teresa Pérez, encargada do supermercado.
Dinamización cultural de Galicia
Gadis lembrou que o impulso da cultura é un dos seus máis firmes compromisos. De feito, máis do 30% das accións do seu plan de Responsabilidade Social Corporativa están vencelladas á cultura. Neste eido, destaca o seu apoio á literatura e a os autores que escriben en galego. Nos últimos vinte anos, a compañía editou 430.000 exemplares, potenciando a obra de autores consagrados e das novas promesas.