Galicia, entre as cinco comunidades con máis asignación da AEI

luns, 8 de xaneiro do 2024 S. P.

A Axencia Estatal de Investigación (a AEI do Ministerio de Ciencia e Innovación) publicou a resolución 2022 de concesión das axudas a proxectos de xeración de coñecemento, segundo informou a axencia “a maior convocatoria que xestiona a AEI anualmente, tanto polo volume do financiamento como polo total de proxectos e contratos subvencionados”. A axencia tamén fai saber que Galicia atópase entre as cinco comunidades con máis asignación.
A convocatoria financia a realización de proxectos de investigación dirixidos tanto a fomentar “o avance significativo do coñecemento científico” como “á procura de solucións aos desafíos da sociedade”. Ademais, por primeira vez nesta convocatoria inclúese o financiamento dos contratos predoutorais a desenvolver nos proxectos aprobados.
Galicia, con 157 proxectos aprobados, conseguiu o 4,9% do financiamento total que destina a axencia. Este dato supón un investimento en proxectos que ascende a 30,4 millóns de euros, dos cales 6,7 millóns de euros van destinados á contratación de persoal predoutoral.
Os investigadores da Coruña reciben 20,5 millóns de euros de investimento para 103 proxectos que serán materializados durante os vindeiros anos en varios departamentos e facultades da Universidade da Coruña, da Universidade de Santiago de Compostela, da Universidade de Vigo, en distintas asociacións e fundacións galegas e en diferentes centros do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC). Inclúense (entre outros moitos) proxectos do CINTENX, do CINBIO, da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo (UVigo), do CITENI e do CITIC da UDC (unha decena de proxectos), do CICA (UDC) e do CITIUS da USC (dous proxectos). Podemos consultar os detalles destes proxectos no PDF habilitado pola AEI.
Maior esforzo en investimento da historia
O financiamento total en España da AEI foi de 622,5 millóns de euros, que é, segundo informa a axencia, o maior orzamento da historia desta convocatoria. En concreto, concedéronse axudas a 3.102 proxectos de investigación por un importe total de 499,1 M€ en custos destinados á execución dos proxectos, e 123,4 M€ destinados á contratación de persoal predoutoral. Estes resultados supoñen o financiamento do 50% dos proxectos solicitados. O financiamento medio dos proxectos foi de 200 mil euros.