GaliciaDixital presenta a nova web sobre un dos grandes representantes da nosa cultura no exterior: Manuel Rodríguez López

xoves, 15 de abril do 2021 S. P.

GaliciaDixital vén de poñer en marcha a nova web do proxecto Manuel Rodríguez López, na que, segundo informa a histórica plataforma online, reflíctense a vida e a obra do escritor de Paradela, fillo predilecto deste concello lucense e “considerado o mellor poeta obreiro galego do século XX”, amais de “grande animador das actividades galegas en Cataluña”, onde escribiu boa parte da súa obra. Alí, salientan dende GaliciaDixital, “converteuse no vencello perfecto entre Galicia e os galegos emigrantes en Cataluña”.
Esta nova web, explican dende GaliciaDixital, “supón unha profunda transformación respecto á plataforma anterior, un cambio encamiñado a adaptala ás novas tecnoloxías e ás tendencias actuais en deseño web”. De aí que se apostase por darlle unha viraxe radical ao deseño gráfico, agora plenamente adaptado a todo tipo de dispositivos móbiles, e “cunha nova estrutura da información almacenada, que pretende facer que a web sexa máis accesíbel”.
Como dixemos, a páxina acabada de lanzar forma parte do proxecto Manuel Rodríguez López, emprendido por GaliciaDixital e a familia do escritor, coa colaboración do Colectivo Egeria e o apoio da Xunta de Galicia (Secretaría Xeral de Política Lingüística), o Concello de Paradela, a Deputación de Lugo e a Real Academia Galega.
O proxecto compleméntase con diversas publicacións, como o libro Manuel Rodríguez López, 25 anos despois, que recolle traballos de 50 personaxes destacados da cultura galega sobre a figura de Manolo Rodríguez, e cunha exposición itinerante que percorreu nos últimos 8 anos máis de 20.000 quilómetros, pasando por numerosas cidades e vilas galegas, do resto de España, e mesmo de Portugal.
O proxecto Manuel Rodríguez López
O proxecto Manuel Rodríguez López, emigrante galego, poeta obreiro, nado co obxectivo de dar a coñecer a figura do senlleiro escritor de Paradela, celebrou en 2020 os seus oito anos de andaina, un período de tempo que comezou coa súa presentación na Casa da Cultura de Paradela, no Nadal de 2012. “Desde aquela, a iniciativa xa deu unha chea de froitos, algúns deles proxectados desde o primeiro momento, moitos outros sorpresas agradables que fomos atopando polo camiño, grazas a multitude de amigos, colaboradores e entidades que acolleron a exposición itinerante”, explican dende GaliciaDixital, facendo un repaso polas complexidades que a pandemia puxo no camiño, que fixo que a exposición itinerante non se puidese trasladar a ningún dos lugares que estaban previstos. Con todo, confirman, o proxecto segue adiante e chega a un dos seus grandes fitos históricos coa presentación da devandita web.
Exposición itinerante
A exposición itinerante sobre a vida e obra de Manuel Rodríguez está formada por 16 paneis informativos, que poden ademais ser vistos integramente na web do proxecto. Desde que a mostra foi presentada en Paradela hai case 8 anos (agosto 2013), xa percorreu practicamente todas as cidades e vilas importantes de Galicia, así como os Centros Galegos de Barcelona, León, Salamanca, Vitoria, Valladolid, Las Palmas de Gran Canaria, Llodio, Sevilla, Pamplona ou Santander, as Universidades de Cáceres, Granada e Bilbao, e a Casa de Galicia en Madrid. En Portugal estivo no Centro Galego de Lisboa, na Biblioteca Lúcio Craveiro da Silva en Braga, da man da Universidade do Minho, e na Universidade de Faro. En total, 47 emprazamentos e máis de 20.000 quilómetros percorridos.

PUBLICIDADE