Galvintec (Grupo Alvariño) presentará os seus logros recentes no Pavillón de España de MWC Barcelona 2024

venres, 23 de febreiro do 2024 S. P.

Galvintec, empresa tecnolóxica do grupo galego Alvariño, estará presente na feira MWC Barcelona 2024, que se celebrará no recinto Gran Vía de Fira de Barcelona do 26 ao 29 de febreiro. A súa participación materializarase a través da undécima edición do Pavillón de España, impulsado pola entidade pública empresarial Red.es. Compartirá recinto con 45 empresas punteiras de todo o ámbito estatal, un 18% máis que en 2023.
As firmas pertencen a sectores do ámbito tecnolóxico como a Intelixencia Artificial, o Big Data, a Internet das Cousas e as Cidades Intelixentes, entre outros. “Esta representación será mostra do alto grao de innovación e potencial do tecido empresarial nacional, no evento máis relevante da industria dixital”, explican dende Red.es, engadindo que 18 das empresas participantes farano por primeira vez e poderán beneficiarse, xunto co resto das firmas que repiten a experiencia, de todos os servizos que se poñen á súa disposición para mellorar a súa visibilidade, aumentar as súas oportunidades de negocio, gañar coñecemento e xerar contactos de valor.
Nesta ocasión, o incremento da demanda fixo que 11 empresas quedasen en lista de espera ao cubrirse todas as prazas previstas.
Neste evento a firma do Grupo Alvariño presentará dous desenvolvementos punteiros: Moodular, unha plataforma 4.0 para a xestión integral de comercio electrónico, e Duel, unha plataforma na nube para a organización e xestión de torneos de eSports.
Segundo informou o grupo galego, Moodular é “un produto altamente innovador que permite dar resposta aos maiores desafíos do comercio na canle online, así como á súa integración co comercio físico, que deben ser xestionados de maneira eficiente para garantir o éxito do negocio: a boa xestión do inventario, a sincronización cos marketplaces, a xestión dos pedidos e pagos en tempo real, e a optimización da loxística”. Moodular, engade a compañía, constitúe unha plataforma baseada na nube que inclúe solucións de comercio electrónico nativas, módulos específicos para a sincronización cos marketplaces e unha solución de Software de Xestión de Almacéns (SGA) de última xeración para a optimización da loxística. “Ao proporcionar solucións de ecommerce nativas e nunha soa plataforma, con Moodular as empresas poden evitar a necesidade de adquirir e configurar solucións de terceiros, aforrando tempo e reducindo o custo da xestión da súa canle dixital, e permitindo ademais personalizar estas solucións á medida da empresa”, explica Manuel Balseiro, director da área TIC do Grupo Alvariño.
O segundo desenvolvemento co que acode Galvintec ao MWC Barcelona 2024 é Duel. Trátase dunha plataforma de eSports baseada na nube que permite crear, administrar e organizar torneos de videoxogos de forma rápida e sinxela, e compartir partidas e torneos con outros xogadores, mellorando a experiencia dos usuarios. Ademais, explica o grupo galego, “proporciona unha funcionalidade nova neste ámbito, permitindo que o torneo se desenvolva en base a unhas regras predefinidas e poida ter unha divulgación exponencial grazas á participación de casters e streamers que poden retransmitir en tempo real as partidas nas súas canles habituais (Discord, Twitch…)”.