GameStop podería facerse coas tendas GAME de España e Portugal

xoves, 8 de marzo do 2012 Marcus Fernández

Xa temos comentado nas últimas semanas que a matriz da cadea de tendas de videoxogos GAME está a pasar serios apuros económicos no Reino Unido, que chegaron incluso a impedirlle abastecerse das principais novidades do sector (Mario Party 9, Mass Effect 3, FIFA Street, Tiger Woods 13, The Sims Showtime...) o día do seu lanzamento (coas serias repercusións que iso terá para os seus resultados económicos), e parece que van intentar atopar unha saída vendendo as 291 tendas que o grupo ten en España e Portugal, das que podería querer facerse cargo o seu principal competidor, GameStop.
A adquisición de GAME por parte de GameStop en España podería ter serias repercusións no mercado de videoxogos español, pois podería saldarse cun peche masivo de establecementos (lembremos que en moitos centros comerciais galegos están presentes ambas marcas); mentres que no caso portugués resulta aínda máis rechamante, por vir de pechar GameStop as súas tendas alí.
Nun principio parecía que os xogos de Nintendo e Electronic Arts ían ser os únicos que ían desaparecer do calendario de lanzamentos das tendas GAME británicas, pero agora sábese que tamén os xogos de Capcom seguirán o mesmo rumbo, polo que este venres os agardados Street Fighter x Tekken e Asura’s Wrath non estarán dispoñibles nos establecementos de GAME,información que contribúe a minar a confianza no futuro da compañía, o que está a notarse de xeito importante na súa cotización bolsista.

PUBLICIDADE