Gangnam Style convértese no vídeo máis reproducido na historia de YouTube

luns, 26 de novembro do 2012 Marcus Fernández

Ata hai pouco o tema Baby de Justin Bieber era o vídeo musical máis reproducido en toda a historia de YouTube con 803 millóns de visualizacións, pero durante a xornada do sábado vimos como o Gangnam Style de PSY superábao chegando aos 805 millóns de reproducións e incrementando pouco a pouco a distancia que os separa (que hoxe está nos 22 millóns de visualizacións) dando a entender que o músico surcoreano está a ser todo un fenómeno na Rede que aínda ten maior repercusión se atendemos ás moitas parodias e versións do seu grande éxito que acumulan millóns de reproducións en YouTube.
Esta nova marca na plataforma de vídeo de Google serve para reflexionar sobre a velocidade na que está a medrar o vídeo na Internet, converténdose nunha canle audiovisual de moito peso que afecta especialmente ao sector musical. De feito, o vídeo de Justin Bieber tardou preto de 3 anos en chegar aos 800 millóns de reproducións, algo que PSY conseguiu en pouco máis de 4 meses, e aínda que durante os dous primeiros meses do vídeo na Rede a súa influencia limitábase a Corea do Sur, ao saltar no mes de setembro a EE.UU. disparouse a súa popularidade, de xeito que en outubro xa era todo un éxito n case todo o mundo. Só a canle de vídeos de PSY en YouTube xa está sobre os 1.187 millóns de reproducións, cantidade na que aínda está lonxe de superar a Bieber (que ten 3.145 millóns de reproducións, aínda que repartidos en moito máis tempo, polo que non sería de sorprender que PSY superase unha vez máis ao rapaz canadense). Actualmente hai numerosos músicos que aínda superan a PSY en reproducións totais, como Jennifer López, Eminem ou Shakira, pero de continuar o pulo do Gangnam Style podería non ser así en poucos meses e, aínda que non aconteza tal, o que queda confirmado é que cada vez é máis doado superar as marcas anteriores na web, o que parece provocado pola popularización do vídeo en liña, o que parece consecuencia directa do acceso mundial á banda larga e á proliferación de dispositivos que permiten a reprodución de vídeo.

Comparación da evolución das reproducións de Baby e Gangnam Style en YouTube


Vídeo orixinal do Gangnam Style

Actualmente dende Harmonyx están a traballar en levar o Gangnam Style ao xogo Dance Central 3, e podemos ver como é a evolución deste proceso de adaptación do que veñen de dar conta dende Polygon:

PUBLICIDADE