Gmail permitirá mudar o enderezo de correo electrónico

venres, 26 de decembro do 2025 Marcus Fernández

Dende 2004 Google ofrece enderezos de correo electrónico de balde baixo o dominio gmail.com, que para moitos usuarios son a porta de acceso a numerosos servizos en liña, pero que en moitas ocasións poden ser motivo de remordementos a longo prazo, por unha mala escolla do identificador destes enderezos de correo electrónico, o que podería mudar en breve.
Resulta que o servizo de axuda de Google está a incluír na súa versión en hindi unha serie de interesantes matizacións que adiantan cambios que estarían por chegar (sen detallar cando).
A intención de Google sería permitir que os usuarios poidan mudar o seu enderezo de correo electrónico rematado en @gmail.com, sen que o proceso supoña perder ningún tipo de información asociada á conta de Google, e sen perder o enderezo orixinal (de xeito que seguiriamos a recibir correo electrónico co vello enderezo con normalidade, evitando a molestia de ter que cambiar a configuración nos numerosos servizos nos que tivésemos empregado o enderezo para rexistrarnos).
A posibilidade de mudar o enderezo de correo electrónico de Gmail só se podería empregar cada 12 meses, ata un máximo de 3 ocasións, polo que na práctica permitiría acumular ata 4 enderezos de e-mail por usuario (pois realmente o que temos é unha única conta de correo electrónico con ata 3 alcumes).
O nivel de detalle co que se explica este proceso na axuda de Google para a India dá a entender que van probar a nova funcionalidade nese territorio, antes de espallala globalmente.