Google presenta o seu proxecto para levar fibra óptica aos fogares

xoves, 26 de xullo do 2012 Marcus Fernández

Kevin Lo foi un dos que detallou o proxecto esta tarde

O proxecto de Google para levar un acceso á Rede a unha velocidade 100 veces superior á media das conexións de banda larga actuais, Google Fiber, viviu hoxe a súa posta de longo, cunha presentación na que amosaron distintos detalles desta iniciativa que busca achegar unha mellor experiencia de uso da Internet mediante conexións rápidas que permitan evitar os grandes tempos de carga, superan o atranco de non poder acceder a certos contidos por non gozar da velocidade suficiente para cargalos e incrementa a competencia, aínda que todo isto queda polo momento limitado a Kansas City.

Kansas City é o lugar elixido por Google para probar a súa solución para a Internet do futuro

Para facer iso posible dende Google teñen aberto un período de pre-rexistro no que comprobarán a demanda dos seus novos accesos á Rede a través de fibra óptica, para coñecer así as zonas nas que hai unha masa crítica de usuarios que faga viable espallar esta infraestrutura construíndo barrios de fibra ou fiberhoods, prazo que se abre dende xa e que durará 6 semanas, para comezar logo a levar Google Fiber aos fogares como unha conexión á Internet de balde (aínda que hai que pagar 300 dólares polos gastos de instalación, que poden aboarse en 12 prazos) no seu paquete básico, contando tamén con opcións de 70 dólares/mes para poder gozar dun acceso á Rede mediante a unha velocidade de 1 Gbps ou de 120 dólares/mes para contar coa conexión anterior xunto cun servizo de televisión de pagamento.
Estariamos ante unha solución completa de Google, na que tamén entrarían en xogo un receptor de Google TV, un dispositivo con 2 Gbytes de almacenamento (para gravar ata 8 programas de televisión á vez ou gardar documentos multimedia persoais), un tablet Nexus 7, 1 Tb de almacenamento en Google Drive e un dispositivo de rede que facilita conectarse por cable á Internet a 1 Gbps ou mediante Wi-Fi N a velocidades de ata 360 Mbps.
Pero Google Fiber non se limita a unha rede para usuarios domésticos, senón que Google tamén aproveitará a ocasión para levar acceso á Internet a edificios públicos como escolas, bibliotecas e hospitais, de xeito que promover este proxecto en cada fiberhood beneficia a toda a comunidade que se desenvolve ao seu redor. O 10 de setembro saberemos quen son os gañadores desta carreira pola fibra óptica de Google, que parece querer establecerse como o referente global de acceso á Internet para o futuro.


O concepto de Google Fiber en vídeo


Vídeo coa presentación íntegra de Google Fiber