
Adamo, operadora de telecomunicacións centrado en levar Internet ultrarrápida ao rural (tamén ao rural galego, principalmente á provincia de Lugo), fixo balance da presenza de cobertura de banda larga nas catro provincias da nosa Comunidade. Segundo lembra, atendendo aos datos proporcionados de alta velocidade que constan no mapa interactivo do Ministerio de Transformación Dixital, a cobertura de banda larga xa acada o 91,5% das vivendas de Galicia. En concreto, cunha capacidade mínima de 100 Mbps, segundo os datos que xera o dito mapa recolleitos e analizados por Adamo.
“Esa cifra”, sinala a operadora, “sitúa a comunidade no vagón de cola da clasificación que inclúe as 17 comunidades e as dúas cidades autónomas, ao ocupar a antepenúltima posición, cunha porcentaxe inferior ao resultante da media estatal, que queda no 96,4%”.
Adamo sinala que “existen notables diferenzas entre as catro provincias galegas”, tal e como se detecta desde a compañía, que engade que “A Coruña e Pontevedra destacan co 95,1% dos domicilios conectados a esta velocidade, mentres que Lugo, co 87,7% dos pisos e as casas xa cableados, e sobre todo Ourense, que apenas pasa o 80%, colócanse por baixo da media nacional”.
A empresa sitúase neste contexto como “un actor fundamental no ámbito rural da Comunidade”, acompañando este desenvolvemento desde 2018. Adamo destaca que ao longo deste período xa puido levar a súa rede da Internet ultrarrápida a 115.000 familias de Galicia desde entón, estando os seus fogares situados en 66 municipios da provincia de Lugo.
Vantaxes da fibra óptica
Finalmente, Adamo lembra que “esta tecnoloxía sitúase como un dos elementos fundamentais para axudar a fixar habitantes no territorio e frear, así, o despoboamento”. E engaden dende a operadora catalá: “Este temido fenómeno reprodúcese en numerosas poboacións galegas, causando estragos sociais, económicos e, mesmo, vitais; ademais, a fibra óptica permite realizar con plenas garantías actividades hoxe habituais: teletraballo, educación e compras en liña, citas médicas telemáticas ou gozar de videoxogos, series e películas en remoto, entre outras”.
