Gradiant e Centum ensaian con éxito un sistema para a busca de persoas perdidas: o LifeSeeker

venres, 1 de febreiro do 2013 Redacción

A empresa Centum, especializada en proxectos avanzados de tecnoloxía para a comunicación e enxeñaría do sinal, realizou recentemente unha serie de ensaios en voo sobre un sistema desenvolvido conxuntamente entre os profesionais da devandita compañía e o grupo de investigadores do centro galego Gradiant. Falamos de LifeSeeker, unha tecnoloxía de procura de persoas en cuxa materialización tamén participaron arreo a Universidade de Vigo e máis a empresa Soc-e. O obxectivo das devanditas probas feitas por Centum foi o de validar a integración de LifeSeeker nun vehículo aéreo non tripulado (UAV), segundo informa Gradiant. Amais disto, buscábase a obtención de información exhaustiva sobre as súas capacidades de radiolocalización e comunicación.
Os ensaios desenvolvéronse o pasado mes de decembro no aeródromo de Villanueva de Gállego (Zaragoza), consistindo nunha serie de desprazamentos a baixa altitude e en liña de visión directa. Os traballos, cualificados de “éxito” polos responsábeis do sistema, serviron para validar o perfecto funcionamento das comunicacións e máis do control da plataforma embarcada. Tamén certificaron positivamente a capacidade de detección e de xeolocalización de sinais de radiofrecuencia despregadas en terra a xeito de radio-balizas.
Os resultados dos ensaios, informa Gradiant, están a ser avaliados arestora co fin de verificar as capacidades e potencialidades do sistema. Este supuxo o desenvolvemento dun novo sistema de telecomunicacións para emerxencias que é quen de buscar e localizar, rapidamente e de maneira autónoma, a persoas que se atopan desaparecidas en zonas de alta montaña, devastadas ou rexións de difícil acceso, explican os profesionais de Centum. E proseguen: “O sistema aproveita a enorme penetración social que as tecnoloxías de comunicación móbiles tiveron nos últimos anos para converter un teléfono móbil nunha radio-baliza de emerxencias capaz de guiar aos equipos de rescate até a posición exacta do mesmo”.
Unha das claves de LifeSeeker radica na súa autonomía. Así, ao funcionar de xeito independente das redes convencionais de telecomunicacións, ten a capacidade de atopar o terminal da persoa extraviada e, tamén, de achegar servizos de voz e mensaxería curta “mesmo en zonas onde non exista cobertura móbil, proporcionando así aos equipos de rescate unha vía de comunicación directa coa vítima e a posibilidade de coñecer o seu estado ou calquera outro dato relevante que facilite a operación de salvamento”.
A integración de LifeSeeker en sistemas aéreos non tripulados (UAS) permite operar de noite, con visibilidade reducida ou baixo condicións meteorolóxicas adversas que “farían imposible calquera outro tipo de misión aérea, limitando ademais os riscos que este tipo de operacións implican para a seguridade dos pilotos”. Polo tanto, estamos ante un sistema “efectivo que axiliza as operacións de rescate, reducindo o tempo de rastrexo e aproveitando as horas nas que as misións de procura convencionais non son posibles, reducindo os custos da operación e maximizando así as probabilidades de éxito en misións onde cada segundo é vital. As probas realizadas permitíronnos comprobar a gran precisión de localización do sistema e a funcionalidade de mensaxería mediante o envío de SMS”, explican desde as entidades que desenvolveron o prototipo.

PUBLICIDADE