Importante incidencia na rede móbil de R

mércores, 27 de setembro do 2017 Marcus Fernández

Dende algo antes das 8:00 horas clientes da operadora de telecomunicacións R veñen informando de problemas para acceder a voz e datos nas súas liñas móbiles, o que levou á compañía a recoñecer que «detectamos unha incidencia que afecta a algunhas liñas móbiles. Estamos xa a traballar para solucionalo canto antes. Desculpas», aínda que o «algunhas liñas» que mencionan parece ser un problema masivo que afecta a clientes tanto en Galicia coma no exterior.
A frustración dos usuarios é evidente, sentíndose bastante molestos pola frecuencia das incidencias e pola duración das mesmas. Na incidencia actual, tres horas despois do seu inicio continúa a descoñecer a orixe, aínda que agora aseguran estar «pendentes dunhas probas» que poderían solucionar os problemas en breve ou, cando menos dar un prazo de solución da incidencia.

ACTUALIZACIÓN (11:17 horas): R anuncia que ten a incidencia actual en vías de solución e prevén tela solucionada antes das 12:30 horas, de xeito que se algún usuario segue sen rede a tal hora recoméndanlle reiniciar o seu terminal móbil.

ACTUALIZACIÓN (13:24 horas): R asegura que o servizo de voz xa funciona con normalidade para a meirande parte dos seus usuarios móbiles, mentres que o servizo de datos aínda está en proceso de recuperación. Numerosos clientes denuncian que continúan sen servizo de voz.

ACTUALIZACIÓN (16:50 horas): Dende R aseguran que xa se solucionou por completo a incidencia desta mañá, recuperándose tanto voz como datos nas súas liñas, aínda que advirten que se algún usuario ten problema para acceder á Internet dende o móbil debe seleccionar a man o operador de rede no seu terminal.

PUBLICIDADE