Inaugurada en Santiago a mostra interactiva sobre o legado de Celso Emilio Ferreiro

luns, 26 de marzo do 2012 Fernando Sarasketa

Estamos a vivir, para quen non o saiba, o ano conmemorativo de Celso Emilio Ferreiro, un dos máis importantes poetas da nosa terra e cuxo legado artístico, comprometido e solidario, lonxe de perder vixencia gaña con cada día en actualidade e riqueza. De feito, este 2012 cúmprense os cen anos do seu nacemento e esta circunstancia estase a reflectir en múltiples escenarios da nosa vida cultural, tanto a nivel físico como, tamén, no plano dixital. Comezamos esta semana, sen ir máis lonxe, coa inauguración oficial do Punto de Información Multimedia Celso Emilio Ferreiro na Biblioteca Nodal de Santiago de Compostela. Trátase dunha exposición a cabalo entre dous mundos (o físico, o palpable, e máis o dos tempos 2.0 que máis que aveciñarse, xa están acó).
A exposición, informa a iniciativa Ouvirmos (responsable da súa feitura), ficará en Compostela dúas semanas, mesturando contidos virtuais con obxectos persoais do escritor celanovés.
O Punto multimedia consta dunha pantalla de 46 polgadas cun interactivo dinámico baseado no concepto de liña de tempo, que permite coñecer e navegar polo universo literario e persoal do poeta a través de diferentes apartados referidos á súa traxectoria vital, obra, fotografías ou ao son da súa voz.
Xunto a esta pantalla interactiva, hai instalada unha Mesa de luz na que se amosan obxectos persoais de Celso Emilio Ferreiro como os seus lentes, as súas cartas ou a súa máquina de escribir.
O Punto multimedia, engádese dende Ouvirmos, achegará a figura do poeta celanovés á cidadanía, itinerando durante todo o 2012 -ano en que se conmemora o seu centenario- polas bibliotecas nodais e centros de ensino de Galicia.
A exposición vén da man da Fundación Celso Emilio Ferreiro e das secretarías xerais de Cultura e Política Lingüística. Segundo informaron no seu día, trátase de por ao alcance de tódalas galegas e galegos unha biografía multimedia a través da obra, as imaxes, os sons e os obxectos propios do escritor, amais da súa voz.
A instalación multimedia foi inaugurada este luns polo conselleiro de Cultura, Xesús Vázquez Abad; polos secretarios xerais de Cultura e de Política Lingüística, Anxo Lorenzo e Valentín García, respectivamente; o presidente da Fundación Celso Emilio Ferreiro e fillo do escritor, Luís Ferreiro, que estiveron acompañados pola directora do centro bibliotecario, Carina Fernández.
Un percorrido por bibliotecas e centros de ensino
A mostra estará na biblioteca Ánxel Casal ata o 13 de abril e continuará o seu percorrido polo resto de bibliotecas nodais, pasando polas de Pontevedra, A Coruña, Ourense, Lugo e, finalmente, Vigo. Xa no mes de outubro, a exposición multimedia chegará aos centros educativos para achegarlles aos estudantes de secundaria a obra e a figura do poeta de Celanova. Acollerán a mostra o IES Francisco Daviña Rei (Monforte), o IES de Foz (Foz), o CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro (Ferrol), o IES Maruxa Mallo (Ordes), o IES Illa de Tambo (Marín), o IES Aquis Celenis (Caldas de Reis), o IES Xesús Taboada Chivite (Verín), o IES Lauro Olmo (O Barco de Valdeorras) e, finalmente, o IES de Celanova (Celanova).