Indra desenvolverá a primeira fase do proxecto para converter A Coruña en Smart City

venres, 21 de xuño do 2013 Redacción

A Unión Temporal de Empresas (UTE) formada por Indra, Altia, Ilux e R adxudicouse a primeira fase do proxecto Smart Coruña, cuxo fin é converter á cidade nun "referente tecnolóxico" no ámbito das urbes do futuro, segundo informou Indra. En concreto, a UTE adxudicataria encargarase do deseño, subministración, instalación e configuración de todos os equipos informáticos e infraestrutura software que integrarán a plataforma Smart Coruña.
Esta plataforma integrarase cos sistemas municipais e facilitará a toma de decisións intelixentes enfocadas ao cidadán, así como o desenvolvemento e uso sostible dos recursos, indicou a multinacional española. Así mesmo, as empresas asumirán a definición e posta en marcha da Oficina Técnica de Proxecto, organismo responsable do asesoramento, supervisión e control técnico, administrativo e estratéxico do proxecto.
A solución incorpora os últimos desenvolvementos europeos de I+D no ámbito da domótica e dos servizos intelixentes a través de dispositivos móbiles, así como as máis modernas tecnoloxías en’’Open Data e visualización 3D en tempo real. En concreto, a plataforma ten a súa base nos resultados obtidos no programa europeo de I+D+i SOFIA (Smart Objects For Intelligent Applications) no que Indra participou activamente.
Dentro desta UTE, o operador galego R poñerá a disposición da plataforma urbana a súa rede de fibra óptica, que cobre xa o 97% das unidades inmobiliarias da Coruña, e posibilitará a recollida da información grazas aos máis de 2.200 puntos de conexión de concentradores de sensores despregados por toda a cidade, mentres que Altia se encargará de integrar a arquitectura de software para garantir a interoperabilidade da plataforma cos sistemas municipais e con outras novas tecnoloxías e dispositivos.
Pola súa banda, Ilux Visual Technologies levará a cabo as tarefas de desenvolvemento do sistema de visualización tridimensional e interactiva do terreo e a integración de información xeolocalizada e actualizada en tempo real sobre diversos ámbitos da cidade.

PUBLICIDADE