Ineo fará avanzar a transformación dixital do sur de Galicia a través da súa Oficina Acelera PEME

luns, 20 de setembro do 2021 S. P.

Ineo, a asociación de empresas TIC de Galicia, foi seleccionada pola entidade estatal Red.es para impulsar a transformación dixital das empresas do Sur de Galicia a través dunha Oficina Acelera PEME (OAP). Esta iniciativa deuse a coñecer nos seus detalles este luns 20 de setembro, nun acto no que tamén se presentaron as súas dúas sedes físicas (en Vigo e en Ourense) ademais dunha plataforma que fará as veces de oficina virtual aberta.
Segundo se fixo saber, a OAP brindará apoio, asesoramento e actuacións de soporte para a transformación dixital de empresas e persoas autónomas ao longo dos próximos dous anos, até maio de 2022.
En palabras de Luis Álvarez Sestelo, presidente de Ineo, “para a asociación é un orgullo ter sido seleccionada por Red.es para axudar ás empresas galegas a dixitalizárense, un labor na que sentimos moi cómodos xa que levamos máis de 15 anos asesorando e exercendo de interlocutores entre o sector TIC e o tecido empresarial de Galicia, ofrecendo soporte a máis de 500 empresas desde a nosa creación”. O presidente de Ineo tamén destacou o apoio brindando para este novo horizonte transformador polas seguintes entidades: a Confederación Empresarial de Ourense (CEO), a Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP), a Asociación Galega de Emprendedores (AGAEMP), a Asociación Empresarial de Profesionais e Autónomos de Ourense (AEPA) e o Centro Tecnolóxico Gradiant, con base de operacións en Vigo.
Na presentación oficial da OAP na sede da CEP participaron o presidente da patronal pontevedresa, Jorge Cebreiros, e a presidenta da CEO, Marisol Nóvoa, ademais do propio Álvarez Sestelo, quen subliñou “que malia o chimpo dado polas pequenas e medianas galegas, que pasaron dun 5 a un 30% de nivel de dixitalización por mor da crise do COVID-19, queda moito por facer nun ámbito, o da transformación, que abrangue cambios nas persoas, as estratexias e os procesos, ademais de supor a adaptación de determinadas ferramentas informáticas”.
Marisol Nóvoa, presidenta da CEO, puxo en valor a implicación nesta iniciativa das dúas confederacións: “O proxecto que nos reúne hoxe aquí pon de manifesto dúas máximas que sempre defendemos pero que agora, tras a pandemia, refórzanse aínda máis e fanse tamén máis necesarias: a colaboración institucional e a dixitalización da empresa”. E engadiu: “Na CEO sempre promovemos a primeira e, desde a expansión das contornas dixitais, fomentado a segunda. A colaboración institucional e entre entidades de idéntica natureza e obxectivos como as que participamos nesta Oficina Acelera PEME, é o mellor escenario para desenvolver proxectos que, como o de hoxe, cobran maior relevancia e significado canto maior sexa o seu alcance”.
Pola súa banda, Cebreiros remarcou que “o nivel de dixitalización alcanzado queda de manifesto co feito de que o 43% da produción en Galicia se vira afectada pola crise dos microchips, semicondutores e compoñentes”. Subliñou a importancia deste proxecto de transición dixital: “Desde a Confederación de Empresarios de Pontevedra hai tempo que temos claro que o futuro será dixital ou non será. Agora máis que nunca esta afirmación é unha realidade debido á crise provocada pola pandemia e as súas repercusións directas sobre o tecido empresarial. Ninguén dúbida xa deste feito”, dixo, engadindo que “a OAP ofrece unha oportunidade definitiva a aquelas empresas que teñan pendente a súa dixitalización ou a iniciaron e desexen acentuala”.
Sensibilización e servizos
A oficina ten unha duración de 24 meses, tempo no que desenvolverá dúas liñas de acción. Por unha banda, centrarase en funcións de sensibilización sobre a transformación dixital e, pola outra, ofrecerá asesoramento sobre as vantaxes e metodoloxías que axudan a esta transición, redundando na mellora tanto da produtividade como da competitividade. Así a OAP, ofertará diferentes vías de asistencia encamiñadas a alcanzar estes obxectivos entre empresas (especialmente pequenas e medianas), autónomos e emprendedores das provincias de Ourense e Pontevedra.
Entre os múltiples servizos que prestará a OAP destacan a elaboración de diagnósticos dixitais, o asesoramento personalizado e individualizado para a dixitalización, a orientación no eido das subvencións e axudas das diferentes administracións e, tamén, o acceso a diferentes provedores tecnolóxicos. Ademais, servirá de altofalante de informacións de interese a través de boletíns e organizará tanto obradoiros como distintas actividades orientadas a fomentar a transformación dixital.

PUBLICIDADE