Inside the Lab contou coa participación de 100 persoas e acolleu 10 demostradores
luns, 3 de xullo do 2023
O pasado venres 30 de xuño celebrouse no CiTIUS
da USC a oitava edición do evento Inside
the Lab, baixo o lema Infinitas posibilidades.
Participaron empresas, sector público e organizacións en xeral, que
puideron descubrir os desenvolvementos tecnolóxicos máis recentes
no ámbito de actuación deste centro compostelán. En concreto, o
evento contou con dez demostradores (oito tecnoloxías e dúas
spin-off) en avanzado estado de madurez, listas para a súa
transferencia á industria e á sociedade. Acudiron unhas 100
persoas. Entre
elas atopábase a nova alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín.
A nova edición foi, segundo fixeron saber fontes
do CiTIUS, un novo éxito de divulgación tecnolóxica, tanto pola
cantidade de investigadores mobilizados como polo alcance das
iniciativas presentadas.
Entre as tecnoloxías intelixentes que puideron
descubrise no Inside the Lab 2023 destacaron, entre outras,
circuítos e sistemas para IA, algoritmos para o cálculo de roteiros
de escape en incendios forestais ou diferentes técnicas de visión
artificial para a análise da calidade de produtos alimentarios, así
como os últimos resultados das firmas xurdidas do CiTIUS Situm e
Inverbis.
O vicerreitor de Política Científica, Vicente
Pérez Muñuzuri, e a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín,
visitaron o Inside the Lab 2023 e puideron recibir as explicacións
do director científico do centro, Senén Barro. Tamén visitou
o Inside the Lab, Dulce María García Mella, secretaria xeral
da USC.
Ademais, as persoas visitantes puideron coñecer
tamén os primeiros resultados do Proxecto Nós, en palabras do
CiTIUS “a iniciativa máis importante desenvolvida nunca na área
das Tecnoloxías da Linguaxe para a lingua galega”. Neste eido,
Inside the Lab 8 mostrou o funcionamento de tres ferramentas:
un tradutor automático (o primeiro con tecnoloxía neuronal
desenvolvido para o galego desde Galicia), un sistema de
recoñecemento de voz e un sintetizador de voz (baseados tamén en
Deep Learning ou aprendizaxe profunda).
Demostradores
1 Realidade virtual e minería de procesos para
rehabilitación de pacientes
2 MarblingPredictor: a cata dixital do xamón
3 Proxecto Nós: tecnoloxías lingüísticas de
texto
4 Yes, we CAM!
5 Caracterización de vías con LiDAR aéreo
6 Detección e seguimento de obxectos en
escenarios complexos
7 Proxecto Nós: tecnoloxías lingüísticas de
voz
8 En que idioma escribes?
9 Situm (Situm Indoor Positioning)
10 InVerbis
