Inside the Lab presenta os resultados científicos do CiTIUS ante o sector empresarial e a administración

martes, 1 de xullo do 2025 S. P.

Esta semana regresa Inside the Lab, a xornada de presentación de resultados científicos do CiTIUS da Universidade de Santiago ante o mundo da empresa e a administración. A actividade vai dirixida a empresas e administracións e a organizacións en xeral interesadas en establecer sinerxías mediante proxectos de I+D, licenzas de tecnoloxía ou asociacións estratéxicas. Esta iniciativa “facilita a transferencia de coñecemento desde a universidade, achegando valor ao tecido produtivo”, avanzaron fontes do CiTIUS.
O evento celebrarase presencialmente nas instalacións do centro o venres 4 de xullo de 2025, en horario libre entre as 10:00 e as 14:00 horas. As persoas interesadas deberán completar a súa inscrición na web oficial da xornada antes do 3 de xullo ás 12.00 horas.
No transcurso de Inside the Lab presentaranse distintos demostradores tecnolóxicos desenvolvidos no centro, como SAIA: análise de imaxe médica animal, unha interface que permite xestionar e analizar automaticamente datos de resonancia magnética en ratas. Este sistema facilita o acceso a técnicas avanzadas a equipos de investigación sen coñecementos de programación, impulsando a investigación biomédica, explican dende o CiTIUS.
Outro dos proxectos destacados é Chatty: modelos de linguaxe para falar polos cóbados, que permite manter unha conversa síncrona con varios modelos de linguaxe (LLMs) que actúan simultaneamente con distintos roles de asistente.
O demostrador EmoTrack tamén será protagonista nesta xornada, coa súa capacidade para detectar e visualizar emocións e niveis de estrés en tempo real mediante técnicas multimodais adaptables a diferentes contextos.
A lingua galega ten presenza destacada a través de dous demostradores clave: por unha banda, Carballo, un modelo multilingüe baseado no Proxecto Nós que permite a tradución, análise de sentimentos e xeración de textos creativos en galego. Por outra banda, un sistema avanzado de tradución automática con redes neuronais entre español, galego e inglés, con modelos abertos compiten ao máis alto nivel no ámbito internacional.
No eido ambiental presentaranse tecnoloxías como a caracterización automatizada da biomasa forestal mediante datos LiDAR, unha solución baseada en Intelixencia Artificial que mellora a eficiencia na xestión forestal, así como un sistema de identificación automática de especies de algas mariñas mediante análise de imaxes submarinas, con especial interese para as industrias farmacéutica e alimentaria.
Ademais, no ámbito da medicina destacan proxectos como BreastAnalyser, unha ferramenta que facilita a análise automática de imaxes inmunohistoquímicas para o diagnóstico do cancro de mama.
No ámbito da Visión Artificial exporanse dous demostradores de alto carácter innovador: un deles en torno á detección visual de obxectos sobre FPGA, que identifica persoas en tempo real mediante dispositivos programables, e outro de detección de eventos mediante sensores CMOS de alto rendemento, que detecta cambios en escenas a nivel de píxel.
A innovación en tecnoloxías sostible porase en valor a través energHius, a nova spin-off do CITIUS. Xurdida recentemente da investigación do centro, esta nova compañía de base tecnolóxica sérvese da tecnoloxía Nanostart para capturar pequenas cantidades de enerxía ambiental, facilitando así unha nova xeración de dispositivos para Internet das Cousas (IoT), ultra pequenos e sen batería.
Por último, a xornada contará tamén coa spin-off máis lonxeva do CiTIUS (Situm), que acudirá puntualmente á súa cita con Inside the Lab a través de GAIA by Situm; un demostrador enmarcado no proxecto IA360, que ofrece unha plataforma intelixente para proporcionar información xeoespacial en tempo real e adaptada a traballadores e xestores segundo as súas necesidades específicas.
A xeito de colofón, o público poderá interactuar tamén con Esencia, unha instalación dixital que visualiza o corpo humano como un dinámico campo enerxético simulado mediante partículas que reaccionan de maneira realista segundo parámetros físicos.