Investigadores do CITIC coordinan a creación dun plan europeo de estudos de Intelixencia Artificial en secundaria

xoves, 18 de xuño do 2020 S. P.

Un grupo de investigadores do Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña coordina o proxecto europeo de innovación educativa AI+ Developing an Artificial Intelligence Curriculum adapted to European High School, que ten o obxectivo de desenvolver un plan de estudos de Intelixencia Artificial adaptado á educación secundaria en Europa.
O proxecto, que está liderado polo investigador da área de Intelixencia Artificial do CITIC, Francisco Javier Bellas Bouza, terá unha duración de tres anos e conta cun financiamento de 371.512 euros, o maior de todos os concedidos na convocatoria K201 (educación escolar) en 2019.
O consorcio que integra o proxecto está composto por seis socios de cinco países: España, Italia, Lituania, Eslovenia e Finlandia. O equipo do CITIC desenvolverá todos os resultados intelectuais en colaboración co resto dos centros escolares asociados.
Este traballo supón unha oportunidade tanto para a UDC como para o sistema educativo galego, xa que lle permitirá posicionarse como referente en innovación tecnolóxica en España e Europa, potenciando unha materia que se prevé que terá gran demanda nos próximos anos en todo o mundo.

PUBLICIDADE