Investigadores do CITIC dirixirán dúas novas cátedras institucionais da Universidade da Coruña

venres, 23 de febreiro do 2018 Redacción

A Universidade da Coruña xa conta con dúas novas cátedras co inicio deste novo ano: a Everis de Transformación Dixital e a Handytronic-Grupo Telecon, adscritas á Facultade de Informática (FIC). Ambas son o resultado dos convenios acadados pola UDC coas empresas Everis e Handytronic, respectivamente. O Centro de Investigación TIC (CITIC) da UDC estará presente nestes dous novos proxectos, xa que estarán dirixidos por dous dos seus investigadores: a investigadora da área de arquitectura de computadores, sensórica e comunicacións do CITIC, Adriana Dapena, e o investigador da área de percepción, cognición e interacción do CITIC, Javier Pereira.

A investigadora Adriana Pena

Cátedra Everis de Transformación Dixital
Segundo a directora da cátedra, Adriana Dapena, a iniciativa “pretende favorecer a colaboración entre a UDC e Everis a nivel académico e de I+D+i, fomentando unha aplicación práctica do coñecemento para axudar a impulsar unha economía baseada nun modelo de crecemento dixital”. Tamén apunta que se poñerán en marcha “cursos e obradoiros de temáticas tanto técnicas (Big Data, ciberseguridade, etc.) como profesionais (procesos de selección, adestramento, etc.) que permitan aliñar as competencias e coñecementos dos estudantes coas demandas actuais e futuras do mercado laboral”.
Dapena sinala que esta cátedra xorde como consecuencia “do traballo conxunto que a FIC e Everis levan realizando durante os últimos anos”, co obxectivo de “consolidar todas as liñas de colaboración xa existentes e abrir novas liñas de actuación”.
O acordo inclúe a “colaboración en másteres e programas de formación permanente da Universidade, a promoción de prácticas curriculares e extracurriculares e a proposta de premios a proxectos de Fin de Grao e de Máster”. Tamén se potenciarán “actividades de transferencia e de investigación que permitirán aos estudantes desenvolver liñas de investigación conxunta, cooperar para lograr proxectos de investigación e participar en encontros e redes nacionais e internacionais de expertos nas áreas de especialización da cátedra”.
Cátedra Handytronic de Bioinformática
Este programa está orientado ao Máster de Bioinformática para Ciencias da Saúde e é froito dun convenio da UDC coa empresa Handytronic, pertencente ao Grupo Telecon. O principal obxectivo da cátedra, segundo apunta o seu director, Javier Pereira, investigador na área tecnolóxica de percepción, cognición e interacción do CITIC, é “potenciar as sinerxías entre os profesionais da Universidade, os investigadores do CITIC e Handytronic, creando actuacións onde todas as partes obteñan beneficio”.
Pereira expón que xa se están comezando a pór en marcha actividades de maneira inmediata, entre as que cómpre salientar “unha xornada aberta sobre os avances da investigación no ámbito de interfaces home-máquina”. El será o encargado de levar a cabo “accións específicas, como a organización de xornadas e talleres no ámbito da bioinformática e a neurociencia, con produtos de apoio para persoas con discapacidade”. Recorda tamén que a FIC xa colaborou en outras ocasións con Handytronic. En concreto, o pasado novembro desenvolveron unha cadeira de rodas guiada por ondas cerebrais, dentro dun proxecto orientado cara a neurociencia e a intelixencia artificial.

PUBLICIDADE