
Segundo informa a investigadora principal do proxecto, Susana Ladra, hoxe en día existen por exemplo motores de procura que procesan ducias de miles de consultas de usuario por segundo. Aínda así, engaden fontes do Centro de Investigación TIC da Coruña, o futuro da era da información está en risco, xa que a cantidade dispoñible de datos aumenta de forma exponencial cada día. As novas tecnoloxías de secuenciado de ADN, por exemplo, están a evolucionar moito máis rápido que as leis que rexen os cambios nas capacidades dos procesadores dos computadores.
Procesar a cantidade de información que fará que o medicamento personalizado sexa unha realidade require un novo enfoque. Recentemente desenvolveuse unha nova clase de estruturas de datos para abordar os novos desafíos no almacenamento, procesamento, indexación, procura e navegación de datos biolóxicos. Tarefas similares tamén foron abordadas por investigadores na comunidade de recuperación de información: tales como o deseño de algoritmos para a análise de secuencias, a representación de redes ou a compresión e indexación de datos repetitivos. Segundo engade o CITIC, as sinerxías dos investigadores de ambos os campos poden conducir a novos enfoques eficientes para mellorar a tecnoloxía utilizada para a análise de datos a escala do xenoma.
BIRDS agarda un impacto real da transferencia dos resultados obtidos na súa investigación na sociedade. De feito, os algoritmos e as estruturas de datos aplicadas á bioinformática permiten mellorar a comprensión das causas e os mecanismos que subxacen na saúde e as doenzas. Só para dar un exemplo ilustrativo, os algoritmos para a análise de secuencias poden usarse para identificar mutacións e reordenamentos xenéticos que están presentes nos xenomas do cancro, e esta identificación, explica o centro coruñés, pode ser esencial para comprender a enfermidade e para desenvolver terapias dirixidas.
Mellorar a excelencia científica dos participantes no deseño de estruturas de datos e algoritmos avanzados para os eidos da bioinformática e a recuperación de información, aproveitando as sinerxías destas dúas comunidades é o obxectivo principal de BIRDS.
Outro dos obxectivos do proxecto é “reforzar as colaboracións existentes e crear novas colaboracións entre todos os participantes, tanto entre os socios europeos como os internacionais coa finalidade de desenvolver asociacións de investigación a longo prazo”.
O proxecto artéllase e desenvólvese con intercambio de persoal, escolas de verán, conferencias e workshops para facilitar o intercambio de coñecemento entre os membros da rede. A última acción deste tipo tivo lugar en Palermo o pasado 29 de setembro, onde máis de 50 investigadores puideron pór en común as investigacións desenvolvidas ata ese intre en concreto.
Por último, indicar que este proxecto de I+D fomentará a transferencia de resultados das investigacións realizadas á industria, grazas á participación no proxecto da empresa de desenvolvemento de software Enxenio S.L., empresa con sede na Coruña, asociada á UDC e membro do padroado da Fundación CITIC.
Investigadores do CITIC lideran un proxecto internacional sobre tecnoloxías de secuenciado de ADN
Compartir Este Artigo
