Investigadores do CITIC, recoñecidos co premio á mellor contribución en estatística convocado pola SEIO e o BBVA

luns, 12 de xullo do 2021 S. P.

Ricardo Cao, Ana López Cheda e Amalia Jácome (de esquerda a dereita) con motivo da súa asistencia ao Workshop da Rede de investigación Asymptotic Theory in Multidimensional Statistics, celebrado en Lovaina (Bélxica) en agosto de 2018

Os investigadores do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e da Comunicación da UDC, CITIC, Ana López Cheda, Ricardo Cao Abad, María Amalia Jácome Pumar, e a investigadora Ingrid Van Keilegom, da Universiteit Leuven (Bélxica), veñen de ser distinguidos co Premio á Mellor Contribución Metodolóxica en Estatística convocado pola Sociedade de Estatística e Investigación Operativa (SEIO) e a Fundación BBVA.
Nesta segunda edición dos premios, o xurado galardoou cinco contribucións aos eidos da Estatística e a Investigación Operativa recoñecendo as contribucións máis innovadoras nestas dúas disciplinas.
O premio á Mellor Contribución Metodolóxica en Estatística foi para Ana López Cheda (investigadora distinguida Beatriz Galindo), Ricardo Cao Abad (catedrático de Estatística e Investigación Operativa da Universidade da Coruña), María Amalia Jácome Pumar (profesora de Estatística e Investigación Operativa), todos eles do Grupo de Investigación de Modelización, Optimización e Inferencia Estatística da Universidade da Coruña e pertencentes ao Centro de Investigación de Tecnoloxía da Información e Comunicacións (CITIC) e Ingrid Van Keilegom (catedrática de Estatística e Investigación Operativa da Katholieke Universiteit Leuven, Bélxica) polo seu artigo Nonparametric incidence estimation and bootstrap bandwidth selection in mixture cure models (Estimación non paramétrica da incidencia e selección bootstrap de ancho de banda en modelos de curación de tipo mestura), publicado en Computational Statistics & Data Analysis.
Segundo informa a UDC, os métodos propostos no artigo resultan “útiles para analizar os tempos de vida en situacións nas que o evento de interese (morte por unha determinada enfermidade) pode non darse por producirse a curación do paciente”.
Os métodos xeneralizan os métodos de estimación da análise de supervivencia en dous sentidos: permiten a existencia de curación entre os tempos de vida chamados censurados e contemplan a posíbel explicación no tempo de vida de variábeis relevantes no problema (factores de risco, características que inflúen no prognóstico, etc.).
No artigo afóndase nas propiedades teóricas dos métodos propostos, amosando “o seu bo comportamento tanto desde un punto de vista teórico como mediante simulación con datos artificiais”.
Amais, aplícanse a unha base de datos reais proporcionada polos doutores Sonia Pértega e Salvador Pita (xa falecido), pertencentes ao Instituto de Investigación Biomédica constituído pola UDC e o CHUAC.
O xurado estivo presidido por Gilbert Laporte, catedrático emérito de Investigación Operativa de HEC Montréal, CIRRELT, Universidade de Bath (Reino Unido) e Universidade de Molde (Noruega); e formado por Ana Paula Barbosa-Póvoa, catedrática no Departamento de Operacións e Loxística, Enxeñaría e Xestión do Instituto Superior Técnico (IST) da Universidade de Lisboa (Portugal); Martine Labbé, catedrático no Departamento de Informática na Universidade Libre de Bruxelas (Bélxica); Frédéric Ferraty, catedrático de Matemáticas no Toulouse Mathematics Institute, Universidad de Toulouse Jean Jaures (Francia); Michael Greenacre, catedrático de Estatística na Universitat Pompeu Fabra e profesor afiliado en Barcelona GSE; Marc Sevaux, catedrático de Investigación Operativa na Universidade de Bretaña Sur (Francia).

PUBLICIDADE