Investigadores galegos optimizan con cómputo avanzado as operacións de válvula do corazón
martes, 23 de xullo do 2019
O
Congreso sobre
Transferencia entre Matemáticas e Industria (CTMI 2019), que se
está a desenvolver na Facultade de Matemáticas da Universidade de
Santiago da man do ITMATI, chega hoxe ao ecuador das súas
actividades (este mércores está previsto o seu remate). O evento,
no que participan cen expertos de todo o mundo presentando os grandes
avances das matemáticas e a computación avanzada para resolver todo
tipo de retos cotiáns, está a poñer o foco en ámbitos concretos
de aplicación, como por exemplo o eido cardiolóxico. Neste ámbito
sitúase un proxecto galego que mellora con cálculo avanzado a
planificación da substitución da válvula aórtica mediante
transcatéter.
A
investigación xorde dun traballo conxunto entre o Departamento de
Matemática Aplicada da Universidade de Vigo e o Instituto de
Investigación Sanitaria Galicia Sur (IISGS), cuxa finalidade é
“contribuír á cardioloxía con técnicas avanzadas de simulación
numérica”. Os traballos teñen a súa orixe nun problema de saúde
concreto: o atoamento da válvula aórtica do corazón, que obstrúe
o fluxo sanguíneo e, polo tanto, desencadea un sobre-esforzo do
corazón para bombear sangue ao corpo, unha situación que carrexa
todo tipo de problemas de saúde, mesmo a morte súpeta cardíaca.
Este problema pode solucionarse mediante a substitución da válvula
aórtica estreitada botando man de tecnoloxía transcatéter. Porén,
é a complexidade esta operación require da máxima cantidade de
datos para abordala con éxito, aí entra en xogo o devandito
proxecto da UVigo e o IISGS.
Un
dos investigadores que participa neste proxecto é Marcos Loureiro
García, que explicou no congreso organizado estes días pola ITMATI
que “a planificación desta intervención presenta varias
dificultades como a propia selección do dispositivo óptimo para
cada paciente e aquí a simulación numérica está chamada a xogar
un papel cada vez máis importante”. Segundo engade, este tipo de
traballos permite reconstruír en 3D do organismo do paciente
mediante o procesamento de imaxes de tomografía computarizada. A
través da simulación numérica simúlase a adecuación de
diferentes válvulas para atopar a mellor, “posto que no mercado
existen numerosas marcas de dispositivos, de diferentes tamaños e
feituras”.
Matemáticas
para o motor
No
marco deste encontro presentouse tamén un proxecto desenvolvido por
investigadores das Universidades de Santiago e A Coruña adscritos ao
Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial, o ITMATI,
coordinados polo profesor Alfredo Bermúdez de Castro, no que se
aplicaron as matemáticas ao sector do motor. Un dos participantes
neste proxecto é Andrés Prieto, que explicou que se trata dun
contrato cunha empresa multinacional dedicada á fabricación de
materiais porosos que van dentro das portas dos automóbiles para
mellorar as propiedades térmicas e acústicas no interior dos
automóbiles.
O
traballo do equipo consistiu en calcular o coeficiente de absorción
destes materiais desde o punto de vista acústico: “Cando hai moito
ruído procedente do exterior ou mesmo do motor do coche, eses
parches porosos fan que o ambiente no interior do habitáculo sexa
máis confortábel”.
CTMI
2019: retos e obxectivos
A finalidade concreta deste encontro internacional
é a promoción e difusión de ferramentas matemáticas xunto ás
súas aplicacións industriais. No transcurso do mesmo presentaranse
novas liñas de investigación orientadas ás necesidades da
industria e da sociedade en xeral, e daranse a coñecer algunhas
experiencias singulares de transferencia de resultados á industria.
Tamén se porá foco en mostrar como a colaboración entre o mundo
académico e a industria permitiu abrir novas liñas de investigación
no eido das matemáticas e a súa reflexión en publicacións de
impacto internacional.
No marco deste encontro terá lugar unha
actividade paralela de divulgación da tecnoloxía matemática á
sociedade en xeral. Será este martes 23 no Auditorio Abanca de
Santiago (rúa Preguntoiro), de 20:00 a 21:00 horas. Antonio Pita
Lozano, responsábel global de analítica e consultoría en LUCA,
Unidade de Datos de Telefónica, ofrecerá a conferencia Datos e
matemáticas. Os propulsores das compañías data driven.
Versará sobre o valor da información para as empresas: un activo
estratéxico para a transformación dixital. Durante a súa
intervención fará un percorrido sobre o reto de sacar rendemento
aos datos mediante modelos matemáticos de Intelixencia Artificial e
estatística co obxectivo de aumentar os ingresos empresariais,
reducir os custos e mitigar os riscos para mellorar a xestión
empresarial.
Congreso bianual
A deste mes
de xullo en Santiago é a primeira edición deste congreso de
transferencia matemática en España, promovido pola Rede Española
Matemática-Industria (math-in) e que prevé ter edicións bianuais.
O CTMI 2019 é un evento satélite de ICIAM 2019 (International
Congress on Industrial and Applied Mathematics), un congreso que
se celebra cada catro anos. A anterior edición foi en Pequín e a
vindeira terá lugar en Xapón. Este ano celebrarase en Valencia a
semana previa ao CTMI 2019 de Santiago -do 15 ao 19 de xullo- e está
previsto que asistan máis de 4.000 congresistas.