Inycom e o CITIC achegaron ao noso tecido empresarial á Internet das Cousas

martes, 16 de maio do 2017 Redacción

O pasado 5 de maio as instalacións do Centro de Investigación TIC (CITIC) da Coruña acolleron un obradoiro práctico sobre as posibilidades e aplicacións dos obxectos conectados para o ámbito industrial. O taller Industrial Internet of Things veu da man da empresa Inycom, firma estatal con sede na Coruña especializada en servizos TIC avanzados e ferramentas de análise e eSaúde. A sesión serviu entre outras cousas para abordar de cheo as vantaxes e posibilidades de IoT (polas súas siglas Internet of Things) dende unha aplicación práctica. Jesús M. Díaz, responsábel da Transferencia Tecnolóxica, Promoción I+D, Comunicación e Mercadotecnia do CITIC, comezou a xornada presentando o centro a todos os participantes e introducindo a Gabriel Barreiro, xerente de Contas de Inycom.
Barreiro, xunto con Iván Laguna, director do Departamento I3 (Enxeñaría, Integración e Innovación), falaron sobre sensores industriais, protocolos e tráfico seguro de datos en fábrica. Asemade, traballaron con casos de aplicación no sector industrial de maneira que adestraron aos investigadores do CITIC e as máis de 20 empresas presentes no obradoiro en procedementos prácticos como por exemplo instalar sistemas de sensores para facer máis eficientes os procesos de fabricación, incrementando a produción e reducindo custos.

PUBLICIDADE