Juan Lesta estrea videoinstalación en Oleiros

venres, 19 de decembro do 2025 Marcus Fernández

O vindeiro sábado ás 13:00 horas o Espacio Peculiar sito no Mercado Municipal de Perillo (Oleiros) vai acoller a inauguración da exposición Horizonte rugoso expandido que poderá verse ata o 24 de xaneiro. Esta exposición do artista visual e director realizador de vídeo coruñés Juan Lesta, consiste nunha videoinstalación con deseño sonoro de Marco Maril, acompañada por tres raios láser modificados con sistemas ópticos de baixa tecnoloxía que engurrarán a liña recta que debuxan.
A comisaria da exposición, Pilar Romero, asegura que «nun contexto marcado pola presión da inmediatez que perturba o noso día a día, Juan Lesta proponnos un momento de pausa e reflexión. Con el, invítanos a cuestionar a confianza que depositamos naquilo que percibimos como estable e indiscutible: o que adoita ser simplificado pola nosa ollada revela a súa complexidade cando se observa con atención. Horizonte rugoso expandido descóbrenos a complexidade do que nos rodea e reflíctea sobre nós para lembrarnos que non somos só espectadores desta realidade cambiante, senón que somos parte activa na súa transformación. Comprender o mundo pasa por asumir a nosa implicación na súa evolución e respectar a súa natureza cambiante».