Kodi estréase na tenda de Windows 10

luns, 19 de setembro do 2016 Marcus Fernández

Unha aplicación que gañou moito peso nos últimos anos foi o reprodutor multimedia desenvolvido inicialmente para a Xbox orixinal, e que facilitaba unha cómoda organización e reprodución de contidos multimedia en sistemas conectados ao televisor, o Xbox Media Center o XBMC, que hai un par de anos mudou de nome, evitando así problemas de marca, e conseguindo destacar por méritos propios como Kodi.
Esta ferramenta, converteuse en imprescindible para moitos usuarios por facer moi doado o acceso aos contidos multimedia almacenados en equipos informáticos, como fotografías, vídeo ou música, aínda que o feito de que se desenvolveran engadidos que o abrían a servizos en liña como YouTube, Spotify e incluso canles de televisión á carta (entre as que hai moito contido de dubidosa legalidade do que non se fan responsables desenvolvedores da aplicación) aínda fixo máis atractiva esta solución de software que por fin está dispoñible na tenda de Windows 10.
Temos así unha versión de Kodi que conta cunha interface de usuario mellor adaptada ao sistema operativo de Microsoft que a que habitualmente estaba dispoñible mediante descarga na súa páxina web oficial, estando especialmente recomendable para a súa instalación en equipos con pantalla táctil e en sistemas que conten con algún tipo de mando a distancia, xa que Kodi está optimizado para sistemas de control moi básicos que faciliten o seu uso no salón do fogar (onde un teclado completo e un rato serían interfaces incómodas de empregar).

PUBLICIDADE