LG presenta un televisor OLED 8K de 88 polgadas

martes, 2 de xaneiro do 2018 Marcus Fernández

LG leva estes días ao CES de Las Vegas a que aseguran que é a pantalla OLED de maior tamaño e resolución até o momento, xa que trátase dunha pantalla de 88 polgadas cunha resolución de 8K, superando amplamente aos televisores 4K de 77 polgadas, aínda que polo momento non haxa contidos audiovisuais dispoñibles que poidan tirar proveito deste paneis. Esta presentación situaría a LG Display en cabeza na fabricación de pantallas OLED de grande formato, en boa medida porque Samsung, ante os elevados prezos desta tecnoloxía, está a apostar por unha alternativa moito máis asumible (as pantallas QLED).
Os televisores LG OLED de 77 polgadas e resolución 4K están actualmente á venda no mercado español a uns 16 mil euros, mentres que os Samsung QLED de 88 polgadas custan uns mil euros máis, polo que o prezo das pantallas 8K de 88 polgadas será presumiblemente moi elevado, aínda que é bastante improbable que as vexamos nas tendas até dentro de bastantes meses ante a ausencia de contidos a tal resolución (que actualmente limitaríanse a equipos informáticos).

PUBLICIDADE