Linda Yaccarino abandona a dirección de X
mércores, 9 de xullo do 2025
Hai un par de anos, en plena crise de reputación de Twitter tras a súa compra por parte de Elon Musk, pasou a ser directora xeral da compañía Linda Yaccarino, unha directora de publicidade que tiña como misión recuperar a confianza dos anunciantes na plataforma social que remataría transformándose en X.
O traballo de Yaccarino non era nada doado, xa que practicamente todas as comunicacións que facía publicamente para mellorar a reputación de X perdían consistencia tan pronto Elon Musk publicaba algo na súa conta persoal, sendo bastante habitual as contradicións entre as declaracións de cara a galería e o xeito de proceder real da compañía.
Ante esta situación, non parece sorprender o anuncio de que Linda Yaccarino deixe a dirección de X, aínda que dun xeito elegante, abrazando o discurso oficial de X (dando a entender que a compañía é un faro para a liberdade de expresión e ten un grande futuro como unha superapp e no ámbito da IA) e obviando a presumible frustración que debeu de sentir cada vez que quería proceder cabalmente para non espantar aos anunciantes.
Yaccarino tampouco fixo referencias á última crise da compañía, relativa a mensaxes antisemitas publicadas por parte de Grok, que poderían ter influído seriamente no abandono da compañía, xa que non é a primeira vez que Yaccarino ten que mediar para relaxar as tensións coas comunidades xudías, o que podería afectar gravemente á súa reputación profesional.
