Ludovica Aisa (CiTIUS), Premio ao Mellor Póster na Conferencia IBER25

martes, 14 de outubro do 2025 S. P.

Ludovica Aisa, investigadora predoutoral do CiTIUS, foi recoñecida cun dos dous Best Poster Awards na Conferencia IBER25, un evento celebrado recentemente en Vigo e organizado de xeito conxunto polas sociedades de física de España (RSEF) e Portugal (SP Física), a través do Grupo de Física Atómica e Molecular (GEFAM).
Durante o encontro, a investigadora do Laboratorio de Realidades Intanxibles (IRL) presentou o traballo Human-biased trajectories and interactive MD in Virtual Reality, unha investigación desenvolvida no marco do proxecto NANOVR (liderado polo investigador ERC Oportunius David Glowacki), que presenta resultados iniciais sobre o proceso cinético de unión do macrorreceptor GluHUT e diferentes tipos de azucres, empregando técnicas de iMD-VR e Dinámica Molecular.
Segundo explicou o CiTIUS, o traballo premiado “explora como as persoas poden interactuar directamente con sistemas moleculares mediante Realidade Virtual”. Así, ao integrar simulacións de dinámica molecular nun entorno inmersivo en 3D (un enfoque coñecido como interactive MD in Virtual Reality -iMD-VR-) é posible “tocar” as moléculas e observar en tempo real como se moven e interaccionan, sinalan dende o centro da USC, engadindo que Ludovica aplicou esta técnica para analizar como diferentes azucres (glicosa, galactosa e fructosa) se unen ao GluHUT, estimando a enerxía necesaria para separalos.
Os resultados mostran que a glicosa presenta unha unión máis forte co receptor, demostrando como a exploración guiada polo factor humano, combinada con simulacións computacionais avanzadas, pode acelerar o coñecemento sobre as interaccións moleculares.
A conferencia, que reuniu profesionais da academia e da industria de ambos países para compartir avances en física atómica e molecular, tamén serviu para poñer en valor a crecente contribución do CiTIUS (un centro co-financiado pola Unión Europea a través do Programa Galicia Feder 2021–2027) á investigación internacional en Física e Intelixencia Artificial Aplicada.