Estes días completouse a adquisición de R por parte de Euskaltel, e tras un breve período de incógnitas, o presidente de Euskaltel, Alberto García Erauzkin e o director xeral da compañía, Fernando Ojea, reuníronse hoxe por primeira vez cos empregados de R na Coruña para informalos dos vindeiros pasos na integración de ambas compañías, proceso que manterá marcas, estruturas locais, equipos profesionais e “o arraigamento nos seus respectivos territorios”. Neste encontro tamén estivo presente Manuel Salaverría, que tras 18 anos en Euskaltel en cargos de máxima responsabilidade pasa agora a ocupar a dirección de R.
Para coordinar o proceso creouse un Comité Directivo de Integración (Steering Committee) liderado polo director xeral de Euskaltel, Fernando Ojea, e que inclúe os Comités de Dirección de ambas as dúas empresas, e que xuntouse hoxe por primeira vez. Tamén se creou unha Oficina de Xestión da Integración (IMO) que xunta a representantes de ambas compañías, que irá definindo prioridades e etapas e será responsable de desenvolver o plan de traballo, configurar os equipos, impulsar a realización das sinerxías identificadas dende as fases iniciais e implementar as mellores prácticas detectadas das dúas compañías en todas as actividades operativas.
Ante os empregados de R, Alberto García Erauzkin asegurou que “a suma das dúas compañías permitiranos crecer e competir mellor nos nosos respectivos territorios e beneficiará a clientes, empregados e provedores”. Tamén aseguran que o grupo procurará mellorar a fidelidade dos seus clientes, ampliar a súa rede de fibra óptica en propiedade e reforzar o alto valor das súas marcas.
Manuel Salaverría é o novo director de R
Compartir Este Artigo
