Mario Kart estrea xogo de realidade virtual no Xapón
mércores, 14 de xuño do 2017
A realidade virtual está cada vez máis presente no mundo dos
videoxogos, pero a súa presenza no mercado está limitada por numerosos factores
que van dende o reducido catálogo de xogos e o elevado prezo do hardware até as
necesidades de espazo para poder gozar das experiencias virtuais, de aí que
teña bastante sentido a existencia de locais nos que poder gozar da realidade
virtual, recuperando o espírito dos salóns recreativos. Con esta idea na mente
vén de abrir no Xapón a VR ZONE de Shinjuku,
onde é posible vivir numerosas experiencias virtuais.
O máis sorprendente da inauguración deste local é que, entre as experiencias
que ofrece figura Mario
Kart Arcade GP VR, ou sexa, unha adaptación do Mario Kart de recreativas que sería o primeiro xogo de Nintendo
para a realidade virtual (aínda que detrás deste proxecto está realmente Bandai Namco).
Pero a cousa non remata aí, senón que estas instalacións que empregan a
tecnoloxía de HTC Vive tamén contan con outras actividades nas que combinan os
cascos de realidade virtual con elementos físicos que achegan sensacións moi
realistas durante a experiencia, de xeito que podemos sentir o impacto de dous
grandes mechas colisionando en Gundam VR: Daiba Assault,
poderemos pilotar un EVA en Evangelion VR: The Throne of
Souls, poderemos loitar contra o terrorismo xunto a Motoko Kusanagi
nunha zona de combate de 20 x 12 metros en Ghost in the Shell: Arise
Stealth Hounds (atracción que non estará dispoñible até o mes de
agosto) e incluso poderemos adestrar con Son Goku para aprender a lanzar
potentes ondas vitais con Dragon Ball VR: Master the
Kamehameha.
Será este o futuro a medio prazo da realidade virtual? Permitirán estas
actividades probar de xeito efectivo cal é a resposta do público ante as
experiencias virtuais para analizar o que chegará finalmente aos nosos fogares
ou quedarán este tipo de atraccións limitadas a locais públicos? Ou estaremos
ante un fenómeno que non sairá do Xapón?
Vídeo promocional da VR ZONE de Shinjuku