En 2007 a editorial Marvel quixo revolucionar o mundo do cómic ofrecendo boa parte do seu fondo de catálogo en formato dixital vía web mediante subscrición, servizo que non chegou a callar entre os lectores, principalmente pola incomodidade de ler na pantalla do ordenador, pero a popularización dos tablets permite mudar a situación e, aínda que a Fábrica da Ideas tamén vende os exemplares dixitais das súas obras a través da plataforma de ComiXology (de xeito simultáneo ás súas edicións impresas), decidiu renovar a fórmula de Marvel Unlimited, e achegala aos dispositivos móbiles a través dunha aplicación para iPhone e iPad (que proximamente tamén estará dispoñible para Android).
Este servizo facilita o acceso (tanto a través da web como da mencionada aplicación móbil) a un arquivo de máis de 13.000 comics dos máis de 70 anos da Marvel, con incorporacións semanais e facilitando o seguimento de arcos argumentais e grandes sagas, para o que hai que pagar ou 9,99 dólares/mes ou 59,88 dólares/ano, o que é un prezo moi competitivo e atractivo, non só para os amantes dos comics clásicos, senón tamén para lectores modernos, pois algúns exemplares chegan a incorporarse a este catálogo a tan só 6 meses da súa posta á venda nas tendas, polo que os lectores menos impacientes poden optar por esta fórmula para ter unha fonte de lectura moi completa.
A aplicación móbil de Marvel Unlimited facilita o acceso a todo o seu catálogo mentres teñamos acceso á Rede, sendo posible almacenar ata 6 exemplares para a súa lectura fóra de liña. Esta ferramenta non conta co sistema de lectura por viñetas da aplicación de ComiXology, pero a lectura dos comics é igualmente boa, posto que as imaxes están dixitalizadas cunha boa definición que permite unha cómoda lectura e a ampliación das imaxes, sendo posible probala con bastantes comics de balde que se ofrecen a través da mesma. Temos así unha das mellores ofertas dixitais de lectura de banda deseñada do mercado, que como principal desvantaxe para moitos ten que as obras publicadas están en inglés.
Marvel estrea unha aplicación para ler comics do seu fondo de catálogo dende dispositivos móbiles
Compartir Este Artigo

