Microsoft estrea unha aplicación que narra a invidentes o que capta a cámara do iPhone

xoves, 13 de xullo do 2017 Marcus Fernández

Microsoft vén de estrear na App Store unha aplicación de balde e con grandísima utilidade, que polo momento só está dispoñible en inglés, pero que demostra unha das aplicacións máis prácticas que podemos ver da intelixencia artificial: o recoñecemento de imaxes para axudar a persoas con eivas visuais.
A nova aplicación móbil chámase Seeing AI: Talking Camera for the Blind, ou sexa, que é unha cámara falante para invidentes, que empregando a cámara do smartphone como uns ollos artificiais pode narrar o que ten diante, de xeito que ao usuario cego ou con grandes problemas de visión pode indicarlle quen e a persoa que ten diante e as súas emocións, describir escenas (función aínda experimental), identificar cartos (funcionalidade que estará dispoñible en breve), recoñecemento de produtos (facilita o escaneo dos seus códigos de barras para facilitar a súa identificación) e tamén permite escanear documentos de texto (recoñecendo o texto) e ler en voz alta pequenos textos que aparezan fronte a cámara (como poden ser carteis indicativos).
Cómpre lembrar que esta tecnoloxía dista moito de ser perfecta, pero dado que está baseada en intelixencia artificial, canto maior sexa o seu uso, maior será a súa precisión, de xeito que no futuro poderá ser de grande axuda para moitas persoas, aínda que na actualidade xa podemos ter un atractivo avance do seu potencial a través da nova aplicación para iPhone de Microsoft.

A aplicación pode recoñecer aos nosos amigos e o seu estado de ánimo
O recoñecemento de texto a través do móbil pode sacar ao usuario de máis dun apuro (o que pode resultar moi práctico tanto para invidentes como para persoas con problemas de visión)

Vídeo de presentación da aplicación móbil Seeing AI de Microsoft

PUBLICIDADE