Microsoft únese á Linux Foundation

mércores, 16 de novembro do 2016 Marcus Fernández

Pese a que a imaxe de Microsoft teña unha forte ligazón co software propietario, a compañía de Redmond é un dos meirandes contribuidores a nivel global á comunidade de código aberto, e como contribución ao ecosistema aberto anuncia hoxe a súa unión á Linux Foundation como membro platino á vez que tamén dá a benvida a Google na comunidade .NET.
Uníndose á Linux Foundation será máis doado para Microsoft colaborar coa comunidade do código aberto, achegando experiencias transformadoras na nube e no móbil a máis xente, consolidando así o apoio de Microsoft a moitos desenvolvementos abertos.
Lembremos que Microsoft liberou o núcleo de .NET, colaborou con Canonical para levar Ubuntu a Windows 10, traballou con FreeBSD para lanzar unha imaxe para Azure e incluso, tras mercar Xamarin, abriu o seu kit de desenvolvemento de software. Tamén colabora con compañías como Red Hat, SuSE e outras para poder soportar a súas solucións nos seus produtos.
Con respecto aos proxectos da Fundación Linux, Microsoft xa estaba a colaborar con Node.js Foundation, OpenDaylight, Open Container Initiative, R Consortium e Open API Initiative.

PUBLICIDADE