Mixturando boa man das novas ferramentas para previr incendios en Ourense, Pontevedra e Asturies
luns, 3 de novembro do 2025
A tecnoloxía e a innovación máis avanzadas ao servizo dos nosos montes e da súa supervivencia fronte aos lumes e a emerxencia climática están no alicerce do proxecto Mixturando, dende o que se levan adiante 18 modelos de xestión territorial sobre monte veciñal e de utilidade pública en espazos protexidos e/ou de especial interese ecolóxico nos municipios de Covelo (Pontevedra), Lobeira, Lobios, Muíños, Entrimo (Ourense), así como Teverga, Quirós, Proaza e Somiedo (Asturies).
O proxecto Mixturando está liderado polos grupos de desenvolvemento local (GDR) Limia-Arnoia (Ourense), Terra e Auga (Pontevedra) e Camín Real de la Mesa (Asturies) e polo grupo de investigación Proxectos e Planificación (PROePLA) da Escola Politéctica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC e conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea - NextGenerationUE.
Dende o principio, Mixturando propúxose como obxectivo a posta en marcha de “estratexias de valorización do bosque atlántico mixto en espazos protexidos das comunidades autónomas de Galicia e Asturies, con especial atención a territorios afectados por incendios forestais e polo declive demográfico”.

- A influente ambiental galega Paula Vilaboy
Un dos principais recursos da iniciativa é a campaña realizada en redes sociais pola influente (creadora de contidos e bióloga de formación) Paula Vilaboy (@blondiemuser), bióloga especialista en sustentabilidade con preto de 2 millóns de seguidores en TikTok e 71.000 en Instagram, que explica que o bosque mixto atlántico está conformado por diferentes especies de frondosas (carballos, castiñeiros, faias, bidueiros, sobreiras, etc.) e matogueiras (breixos, fentos, toxos, piornos, etc.) nas rexións temperadas da cornixa cantábrica e o noroeste da península Ibérica.
Paula Vilaboy é natural das Pontes e achega contidos en TikTok e Instagram a xeito de tips ambientais con recursos para sermos máis sustentables e respectuosos co medio natural.
Mixturando, en concreto, intervén sobre a conca alta do río Tea, no concello de Covelo, unha zona incluída na Rede Natura 2000; no Parque Natural Baixa Limia – Serra do Xurés e na reserva da biosfera homónima, nos concellos ourensáns de Lobios, Lobeira, Entrimo e Muíños; e nos Parques Naturais de Somiedo e Las Ubiñas-La Mesa e na zona de especial conservación Caldoveiro, nos concellos de Teverga, Quirós, Proaza e Somiedo, no corazón de Asturies. Os modelos de aproveitamento previstos para toda a duración do proxecto xa están en aplicación.
O proxecto completou xa outra das súas accións previstas: a cartografía e caracterización socioeconómica, legal e administrativa das actividades tradicionais desenvolvidas durante séculos polas poboacións da Cornixa Cantábrica, así como a avaliación da súa vixencia na segunda década do século XXI. Deste traballo, liderado por PROePLA, obtívose un atlas de resiliencia dos 301 espazos da Rede Natura 2000 de Galicia, Asturies, Cantabria, Euskadi, Navarra e das provincias castelán-leonesas de León, Palencia e Burgos. Ademais, esta completa cartografía permitiu calcular que os bosques da Rede Natura do norte peninsular capturan unha cantidade de carbono que neutralizaría as emisións de CO₂ de toda España durante case dous anos e medio.
Esta acción está ligada a outra, tamén completada, na que se identificaron 185 modelos de xestión innovadores e exitosos en contextos similares aos do ámbito de actuación de Mixturando. A partir dos datos recollidos nestas dúas accións está en desenvolvemento unha terceira, que consiste na elaboración dun catálogo de modelos innovadores para actividades formativas e demostrativas. O catálogo xerado de modelos optimizados e innovadores de aproveitamento do bosque mixto atlántico e a súa posta en marcha terán un papel exemplar para incentivar o emprego e a economía sostible en zonas de alto valor ambiental.
Mixturando está a aplicar tamén unha acción de transferencia de coñecemento mediante instrumentos como Transfer Classroom e Living Labs, coordinada polo grupo PROePLA da USC para a capacitación laboral de 25 persoas. Finalmente, no marco do proxecto, o grupo de investigación da USC PROePLA vén de crear unha serie de cursos de formación online, de 100, 50 e 25 horas de duración, que están dispoñíbeis en liña. Para o curso titulado Modelos técnico-económicos agrarios no contexto do bosque atlántico. Nivel 1, de 100 horas de duración, está aprobada unha microcredencial universitaria, que o certifica como título oficial válido para todo o marco educativo europeo. “Esta formación é completamente de balde; só é preciso pagar a taxa de 20 euros pola expedición do título oficial da USC. Estamos en trámites para que nos aproben esta microcredencial para o resto dos cursos de Mixturando”, explican dende PROePLA. En canto ao capítulo de formación, implica 25 investigadores, 25 técnicos en xestión de espazos naturais, 25 técnicos de empresas agroforestais e 150 traballadores agroforestais.
