#NeThinking conseguiu grande seguimento internacional na súa terceira edición

luns, 29 de abril do 2013 Marcus Fernández

A Fundación Illa de San Simón celebrou os pasados días 26 e 27 a terceira edición do encontro #NeThinking, foro de diálogo e reflexión que dende os seus inicios viña convidando á blogueira cubana Yoani Sánchez a participar no evento (o que tivo que facer virtualmente ante a imposibilidade de saír do seu país) e finalmente esta influínte comunicadora a escala global (recoñecida co Premio Ortega y Gasset de xornalismo, o premio Maria Moors Cabot e numerosos medios como a revista Time e a CNN) visitou finalmente a Illa do Pensamento para participar en persoa no encontro aproveitando que estes días está de xira por España.
#NeThinking 2013 puido seguirse por streaming a través de San Simón TV e Terra TV, estando aberto o encontro á participación da audiencia a través de Twitter, podendo agora seguirse os seus foros temáticos en diferido a través de Livesteam, plataforma na que consérvanse estes enriquecedores fervedoiros de ideas para a súa reflexión pausada.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria conversou con Yoani Sánchez na Illa de San Simón

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, achegouse ao encontro , onde intercambiou algunhas palabras coa blogueira cubana Yoani Sánchez, a quen podemos considerar como a convidada máis destacable das xornadas nas que tomaron parte os blogueiros e/ou xornalistas Julio Alonso, Eduardo Arcos, Marilín Gonzalo, Antonio Delgado, Nacho de la Fuente, Javier Pedreira Wicho e Carmela Ríos, o consultor Mario Tascón, a novelista Raquel Martos, os profesores Valentín Alejandro Martínez e Antón Losada, o creativo José Jiménez Moltó, o físico Agustín Fernández Mallo, o emprendedor tecnolóxico Ismael El-Qudsi e o músico Julián Hernández.
O balance feito pola organización desta nova edición de #NeThinking é bastante positivo, conseguíndose presenza internacional, fundamentalmente dende América latina, e conseguindo numerosos impactos a través de Twitter, considerando que foi a edición do encontro con maior repercusión nas redes sociais, destacando especialmente os paneis temáticos sobre os novos xeitos de utilizar a linguaxe e adaptar o uso do idioma (#NETescribir) e sobre a necesidade de guiar aos cativos no uso da Rede (#NETeducación).
Entre as conclusións ás que se chegaron en #NeThinking 2013 podemos destacar algúns argumentos:
- No ámbito dos novos medios de comunicación na era dixital deuse a entender que a crise estaba a acelerar a transición entre o xornalismo tradicional e o dixital, o que non supón a fin do xornalismo, pero si supón abordar novos retos.
- No eido da educación dixital desbotouse o concepto de nativos dixitais, destacando que é preciso formar aos cativos no uso das TIC e das relacións sociais, sen chegar nin a satanizar a Internet nin sobreprotexer aos menores. É preciso aproveitar a tecnoloxía como recurso educativo, e xerar contidos adaptados.
- A comunicación na Rede non muda a esencia da linguaxe, pero si forza a cambios no xeito de escribir en función do formato e do emisor, tendo tamén que terse en conta certos códigos internos da linguaxe que xorden en certos contornos.
- A industria cultural na Rede tamén someteuse a debate, propoñéndose unha chamada á autocrítica do sector, e instándose tanto á concienciación do público como á reformulación dos contidos para manter o seu interese.
- Precisamente sobre contidos tamén houbo un panel no que insistiuse na necesidade de servizos e produtos de calidade, pois non é sustentable o modelo de captar atención en plataformas sociais sen nada que sosteña ese fluxo de usuarios. Tamén considerouse que as redes sociais deixarán de ter entidade propia nos medios para ter unha presenza transversal por toda a estrutura empresarial.
- O último tema a discusión foi a información teledirixida, considerándose inútil intentar afastar o debate dos temas que realmente interesan ao público, pois aínda que os focos poidan apuntarse noutra dirección, o intercambio de opinións na Rede é inevitable.

PUBLICIDADE