O popular servizo de vídeo baixo demanda Netflix está a ultimar a súa chegada ao mercado español, e finalmente sabemos a data grazas ao seu novo vídeo promocional no que datan o lanzamento no 20 de outubro. Netflix permitirá gozar dos seus contidos audiovisuais a través de Vodafone TV, televisores conectados á Rede, consolas de videoxogos, smartphones, tabletas, ordenadores e incluso dispositivos tipo Apple TV ou Chromecast, de xeito que hai moitos xeitos de poder gozar do mesmo no televisor sen contar cun receptor de televisión de pagamento, empregando a Internet como medio de transporte.
Os prezos que terá o servizo será de 7,99 euros/mes para gozar dos contidos en definición estándar e 1 dispositivo; 9,99 euros/mes para dúas conexións simultáneas ata en alta definición e, para completar a oferta, tamén poderanse pagar 11,99 euros/mes para gozar de Netflix en ata 4 dispositivos á vez en ultra alta definición (nos contidos que estean dispoñibles nesta calidade). Para facilitar a subscrición do servizo estarán dispoñibles tarxetas de prepagamento en El Corte Inglés, GAME, Media Markt, Fnac e Eroski.
Aínda que varias das series exclusivas de Netflix non estarán dispoñibles inicialmente por estar a ser comercializadas en España por outras cadeas, o servizo botará a andar en España con contidos exclusivos como as series de Daredevil, Grace and Frankie, Narcos, Unbreakable Kimmy Schmidt e Sense8, coa vantaxe de que boa parte dos contidos exclusivos estrearanse simultaneamente en España e EE.UU. (aínda que inicialmente haberá que conformarse coa versión orixinal subsitulada).
Vídeo promocional de Netflix en España
Netflix chegará a España o 20 de outubro
Compartir Este Artigo
