NotebookLM chega a España prometendo axudar a escribir mediante IA

xoves, 6 de xuño do 2024 Marcus Fernández

O pasado Google presentou un asistente de escritura e investigación baseado en IA, e tras meses de probas deciden actualizalo para funcionar con Gemini 1.5 Pro e abrirse a máis de 200 países de todo o mundo entre os que figura España.
NotebookLM pretende ser unha ferramenta para entender e explorar material complexo, facer novas conexións coa información e así poder escribir un primeiro borrador máis rápido. Permite subir fontes (notas de investigacións, transcricións de entrevistas, documentos corporativos...) e de xeito instantáneo NotebookLM convértese nun experto no material subministrado.
Con esta nova versión de NotebookLM a ferramenta soporta Google Slides e enderezos web como fontes, así como documentos de Google, documentos PDF e ficheiros de texto; as citas lévanche directamente ao punto nas fontes dos que sae a información (facilitando o seu contraste e posible afondamento); e consegue unha maior comprensión das fontes podendo convertelas en formatos de utilidade como preguntas máis frecuentes ou guías de estudo.
Dado que Gemini 1.5 Pro ten capacidades multimodais, agora en NotebookLM é posible facer preguntas sobre imaxes, gráficos e diagramas.
Para dar conta da utilidade desta ferramenta dende Google comentan que o escritor Walter Isaacson empregou NotebookLM para analizar os diarios de Marie Curie durante a investigación para o seu vindeiro libro; o veciños de Palm Bay, Thomas Gaume, creou un boletín hiperlocal agregando ordenanzas municipais, distintos datos locais e plenos municipais para poder operar como unha redacción completa; o consultor Victor Adefuye empregou a ferramenta para analizar transcricións de conferencias de vendas para aforrar tempo na súa análise; e incluso teñen atopado a escritores empregando NotebookLM para manexar narracións complexas nas súas historias. Temos así o que un claro uso da IA como ferramenta para a escritura, no que o usuario toma un rol activo, dando a entender que os modelos de linguaxe poden ser de grande utilidade para a creación, afastándose da aparencia de ameaza para os creadores que impera actualmente.

PUBLICIDADE