Nove proxectos punteiros de investigación dan o chimpo ao mercado co apoio de Ignicia
martes, 10 de marzo do 2026
O conselleiro de Educación e Ciencia, Román Rodríguez, acompañado da directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Carmen Cotelo, participou na presentación dos nove proxectos seleccionados na última convocatoria Ignicia Proba de Concepto. Lembraron que a estas iniciativas o Goberno galego destina 4 millóns de euros que “permitirán xerar emprego de calidade”.
Variedade de sectores
A Xunta resolveu o decembro pasado a 5ª edición da convocatoria de Ignicia Proba de Concepto, na que se apoia a chegada ao mercado de nove proxectos, nos que están involucrados 47 investigadores, con 4 millóns de euros. En concreto, os beneficiarios desta edición son tres proxectos da Universidade de Santiago de Compostela, dous da Universidade de Vigo, dous do centro tecnolóxico AIMEN, un da Universidade da Coruña e outro do Centro Tecnolóxico Gradiant. Oito destes proxectos pretenden chegar ao mercado cunha spin-off, mentres que un propón o licenciamento á industria da súa tecnoloxía.
As iniciativas, que acaban de arrincar cun prazo estimado de dous anos, pertencen a unha ampla variedade de sectores: dous teñen como prioridade a sostibilidade desde o sector enerxético e a biotecnoloxía industrial; outros tres, a dixitalización na industria, o sector saúde e están relacionados coa intelixencia artificial, a criptografía e impresión 3D. Os catro restantes teñen como prioridade o enfoque nas persoas, desenvolvendo tecnoloxías no ámbito da medicina de prevención, rexenerativa e de precisión.
Spin-offs
No transcurso da presentación as entidades de capital risco Xesgalicia e Unirisco, expuxeron estratexias de captación de investimento en proxectos tecnolóxicos. Ademais, presentáronse as dúas últimas spin-offs creadas co apoio do programa, ambas promovidas polo Centro Tecnolóxico Gradiant. Trátase de Kiur, xurdida do proxecto ACE (Acute Advanced Cutaneous Evaluator) e Dokken, nacida de ITDP (Tecnoloxía de Procesamento Intelixente de Documentos).
KIUR consiste nunha aplicación dirixida a profesionais sanitarios que busca dar apoio ao persoal das áreas sanitarias galegas na cura de feridas crónicas. Pola súa banda, Dokken é unha ferramenta orientada a optimizar a eficiencia operativa en diversas industrias mediante a automatización de procesos e a mellora da xestión de datos. Con estas dúas spin-offs, o programa xa suma 13 empresas creadas.
Tecnoloxía xerada en Galicia
O programa Ignicia desenvólvese a través de dúas liñas de actuación complementarias: Ignicia Proba de Concepto, a convocatoria para apoiar as entidades que queiran lanzar proxectos de investigación, e Ignicia Transferencia, que desprega un conxunto de actuacións especializadas de apoio, seguimento de indicadores de transferencia ou posicionamento do programa Ignicia nos eidos rexional, nacional e internacional.
Este instrumento ten como obxectivo “potenciar a valorización do coñecemento dos centros de I+D+i da nosa Comunidade, impulsando a creación de novas spin-offs e acordos de licenza de comercialización da tecnoloxía xerada en Galicia”, sinalou o conselleiro.
Balance
Dende a posta en marcha de Ignicia en 2016, a Xunta apoiou xa 41 proxectos cun investimento de 17 millóns de euros, dos que 16 xa chegaron ao mercado. Deles, 13 constituíronse como spin-offs e dan emprego de alta cualificación a máis de 150 persoas e os outros tres asinaron acordos coa industria para a comercialización dos seus resultados. Outros 21 están en execución, mentres que catro non acadaron os obxectivos de venda.
Román Rodríguez quixo destacar o impacto económico de Ignicia, dado que os proxectos apoiados lograron captar xa máis de 29 millóns de euros en investimentos públicos e privados a nivel rexional, nacional e europeo.
“Estes datos amosan que esta iniciativa, pioneira e referente a nivel estatal, consegue o aproveitamento económico dos resultados da investigación, a creación de emprego de carácter cualificado e a mobilización e atracción de investimentos públicos e privados cara a Galicia”, afirmou.
