Novo programa de capacitación en ciberseguridade para pemes galegas

venres, 12 de setembro do 2025 Redacción

A Cátedra de Economía da Ciberseguridade USC-INCIBE, en colaboración con AMTEGA e dentro da iniciativa GaiásTech, pon en marcha en outubro un programa de capacitación gratuíto dirixido ás pequenas e medianas empresas galegas titulado Conéctate de xeito seguro: ciberseguridade para pemes galegas. Desenvolverase en liña os días 1, 8, 15, 22 e 29 de outubro de 2025, en sesións de dúas horas cada unha, ata completar un total de 10 horas de formación.
A actividade conta con prazas limitadas a 15 participantes e pretende mellorar a concienciación e as boas prácticas en materia de seguridade dixital. Estará impartida pola empresa galega dooingIT, especializada en servizos e produtos de ciberseguridade, e incluirá casos prácticos, demostracións e acceso temporal a ferramentas profesionais como LeakGuard ou AKIRA. Ao rematar, celebrarase unha sesión de titoría presencial destinada tamén a fomentar o networking entre os asistentes.
O programa estrutúrase en cinco bloques temáticos. A primeira sesión introducirá o concepto de ciberrisco, explicando que buscan os ciberdelincuentes e como se organizan a través da supply chain do cibercrime. A segunda sesión afondará nos ataques de enxeñaría social, como o phishing, vishing ou smishing, analizando exemplos reais e ofrecendo pautas para recoñecer sinais de fraude.
Na terceira sesión tratarase o malware, explicando os seus diferentes tipos, os métodos máis habituais de infección e as boas prácticas de prevención máis aló do uso dun antivirus. A cuarta centrarase especificamente nas necesidades das pemes, con ferramentas accesibles e de baixo custo como firewalls, copias de seguridade, detección de intrusos ou autenticación multifactor, ademais dun caso práctico co software AKIRA. Finalmente, a quinta sesión revisará os erros de configuración máis habituais e os comportamentos inseguros, desde privilexios excesivos ata a reutilización de contrasinais, poñendo o foco na importancia das revisións periódicas e da formación do persoal.
O programa está financiado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e emitirá certificado de participación ás persoas que completen cando menos o 80 % das sesións.