O 31 de xaneiro abre a 4ª edición de Talentos Inclusivos (CITIC), que mobiliza 15 centros educativos de toda Galicia

venres, 19 de xaneiro do 2024 S. P.

O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) celebrará o acto de apertura da cuarta edición de Talentos Inclusivos o vindeiro mércores 31 de xaneiro na Domus da Coruña. O programa, que ano a ano vén gañando popularidade entre a comunidade educativa, acadou este curso o seu récord de participación con 15 centros adscritos, cinco máis que na pasada convocatoria. Ademais, o alcance territorial da iniciativa abrangue por primeira vez centros educativos de toda Galicia.
Talentos Inclusivos é unha iniciativa do CITIC e da Universidade da Coruña, en colaboración coa asociación ASPACE Coruña e o apoio de diversas entidades, que busca fomentar o interese pola ciencia e a tecnoloxía entre o alumnado de Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional, ao tempo que dá visibilidade ás dificultades das persoas con diversidade funcional. Con este fin, proponse a creación de grupos de traballo colaborativos coordinados por investigadoras/es do CITIC, profesionais de ASPACE Coruña, Amencer-ASPACE, APAMP e profesoras/es dos centros educativos; e constituidos por persoas con discapacidade e estudantes que serán os encargados de resolver, mediante a aplicación da tecnoloxía, retos que sexan de aplicación directa para mellorar a calidade de vida das persoas con diversidade funcional.
Os centros que traballarán este ano na iniciativa son o IES de Soutomaior (Arcade); o Colexio Calasanz PP. Escolapios, IES Ramón Menéndez Pidal-Zalaeta e IES Plurilingüe Eusebio da Guarda da Coruña; o IES Terra de Trasancos (Narón); o IES Ricardo Carvalho Calero e o IES Sofía Casanova de Ferrol; o IES de Breamo (Pontedeume); o CPR Santa Teresa de Jesús (Ourense); o IES Rego de Trabe, CIFP Universidade Laboral e o Colexio de Fomento Montespiño de Culleredo; o IES Poeta Díaz de Castro (Guitiriz); o CIFP de Montecelo (Pontevedra); e o IES Maximino Romero de Lema de Baio (Zas).
A listaxe de retos propostos nesta nova edición divídese en seis categorías en función do seu ámbito de aplicación: produtos de apoio e impresión 3D, acceso ao ordenador e outros dispositivos, control do entorno do fogar, sistemas aumentativos e alternativos de comunicación, accesibilidade á educación e ó ámbito laboral e actividades de ocio. Cada un deles está orientado ao desenvolvemento de mecanismos e ferramentas innovadoras que faciliten actividades cotiás, como poden ser o acendido e apagado de equipos electrónicos, o uso de cubertos ou mesmo xogar. Entre os proxectos que materializarán este ano os participantes atopamos videoxogos accesibles, adaptacións para barras de piscina ou soportes 3D para guiadores de bicicleta adaptados a persoas con hemiparesia, condición neurolóxica que dificulta a mobilidade do corpo.
Como punto de partida da nova edición, durante os meses de novembro e decembro realizáronse as primeiras visitas e vídeo-conferencias cos institutos, centros de Formación Profesional e colexios que se sumaban ao proxecto por primeira vez para explicar a dinámica do programa e o calendario de desenvolvemento previsto. Así mesmo, o equipo de Talentos Inclusivos tamén se reuniu con ASPACE Coruña e tamén coa Asociación de Familias de Persoas con Parálise Cerebral (APAM) e AMENCER-ASPACE, entidades que se suman este ano á iniciativa e serán as encargadas de guiar aos centros da provincia de Pontevedra.
Ao acto de presentación, que se celebrará ás 12:00 horas do mediodía na Domus de A Coruña, asistirán representantes dos centros educativos e das entidades colaboradoras que participan nesta nova edición.
O CITIC e ASPACE Coruña promoven este proxecto colaborativo co apoio da Universidade da Coruña, do Consello Social da Universidade, a FECYT do Ministerio de Ciencia, o Concello da Coruña e a Xunta de Galicia.
Talentos Inclusivos pon de manifesto o sólido compromiso de todos os axentes implicados, movidos pola vontade de axudar, realizando un gran esforzo e abordando este reto de forma desinteresada a favor da tecnoloxía inclusiva.

PUBLICIDADE